Nintendo Switch Online botará a andar en setembro

martes, 8 de maio do 2018 Marcus Fernández

Seguindo os pasos da PlayStation 4 e a Xbox One, que requiren de subscricións de pagamento para poder xogar en liña, confírmase que en setembro botará a andar como servizo de pagamento Nintendo Switch Online, que non só permitirá gozar do xogo en rede, senón que tamén incluirá incentivos para a súa contratación como o acceso a un catálogo crecente de xogos de NES, a posibilidade de almacenar na nube os datos de gardado dos xogos compatibles e tamén a posibilidade de empregar dispositivos móbiles para optimizar a experiencia en liña de determinados títulos (como Splatoon 2).
Nintendo Switch Online terá un prezo de 3,99 euros/mes, 7,99 euros/trimestre ou 19,99 euros/ano, existindo tamén unha subscrición familiar de 34,99 euros/ano (con até 8 contas Nintendo asociadas).
No que se refire a xogos da Nintendo orixinal (NES) que estarán dispoñibles en setembro, aseguran que partirá con 20 títulos aos que se engadirán máis xogos regularmente. Entre os xogos de lanzamento están The Legend of Zelda, Super Mario Bros., Dr. Mario, Super Mario Bros. 3 e Donkey Kong.
Ante a chegada destes clásicos á Nintendo Switch preguntóuselle a Nintendo se iso significaba que en breve estrearían a Consola Virtual na súa última consola, e a resposta da compañía nipoa foi que polo momento non teñen plans para recuperar tal plataforma en Nintendo Switch, o que non quere dicir que non vaian reeditar títulos de anteriores consolas, senón que simplemente non o farán baixo o paraugas dunha plataforma dixital común.

PUBLICIDADE