Nintendo inicia accións legais contra a piratería para Nintendo Switch

venres, 14 de decembro do 2018 Marcus Fernández

A través da Rede estaban a venderse impunemente métodos para faciliar a carga de copias ilegais de xogos nunha Nintendo Switch

Nos últimos meses comentamos os problemas de seguridade que estaba a presentar a Nintendo Switch, e as súas consecuencias e nivel de pirataría, e semella que a situación é bastante peor do que podería pensarse, xa que Nintendo xa tivo que iniciar accións legais contra persoas que explotaban os fallos de seguridade da Switch de xeito activo, comercializando sistemas para gozar de xeito doado de copias ilegais de xogos da portátil da compañía nipoa.
Os medios están a dar conta dunha demanda de Nintendo en California, contra un home chamado Mikel Euskaldunak, quen a través de plataformas en liña como OfferUp.com vendía sistemas que aproveitaban o fallo da Switch detectado por Team Xecuter para saltar os sistemas anti-copia de Nintendo.
O acusado aseguro que simplemente comercializa unha modificación da Nintendo Switch, mentres que Nintendo sostén que está a subministrar un sistema destinado unicamente á pirataría e, de feito, incluso subministraba tarxetas de memoria de 64 GB con varios xogos piratas incluídos (entre 4 e 6, en función do seu tamaño), que podían cargarse a través do dispositivo que subministraba. Deste xeito, un usuario podía facerse con varios xogos por menos do prezo dun único título, conseguindo de paso un sistema para poder continuar a gozar de xogos de Switch sen pasar por caixa.
A acusación sostén que Euskaldunak facilitou solucións anti-copia para máis dun cento de Nintendo Switch, e subministrou ducias de títulos diferentes, incluíndo xogos que aínda non chegaron oficialmente a EE.UU., e que era plenamente consciente da ilegalidade do que estaba a facer, porque incluso advertía aos compradores de que a instalación de xogos descargados da Rede podía levar a que Nintendo bloquease as consolas para o xogo en liña.
Tamén acusan ao mesmo individuo por comercializar unidades da NES mini modificadas para integrar máis de 800 xogos.
Nesta causa Nintendo pide tanto compensacións económicas como a destrución dos xogos piratas e das consolas modificadas.

PUBLICIDADE