Nintendo publica uns magníficos resultados trimestrais

xoves, 3 de agosto do 2023 Marcus Fernández

Nintendo vén de presentar os seus últimos resultados financeiros trimestrais, confirmando que a compañía nipoa está nun dos seus mellores momentos da historia grazas ao éxito da consolas Nintendo Switch, o xogo The Legend of Zelda: Tears of the Kingdom e ao filme de Super Mario Bros.
No caso da Nintendo Switch temos que con 3,91 millóns de consolas vendidas no trimestre (das que 2,83 corresponden ao modelo OLED) conseguiron chegar a un total de 129,53 millóns de consolas vendidas, o que fai un dos meirandes parques de consolas da historia (só superado pola Nintendo DS e pola PlayStation 2).
Pola súa banda, o último xogo de Zelda tería conseguido vender 18,51 millóns de unidades en apenas mes e medio, converténdose xa nun dos meirandes éxitos da consola, e confirmando que a Switch aínda ten moito pulo pese a ser unha consola con bastantes anos e potencia limitada, de aí que resulten razoables as informacións de que a súa sucesora non se presentaría até o ano que vén.
No que respecta á película de Super Mario Bros., aseguran que tivo xa 168,1 millóns de espectadores, xerando 1.349 millóns de dólares, converténdose na segunda película de animación de maior éxito da historia (a primeira baseada nun videoxogo) e conseguindo incluso rexuvenecer as vendas do xa clásico Mario Kart 8 Deluxe.
Nintendo aproveitou a ocasión para lembrar que o 6 de outubro lanzará Detective Pikachu Returns; o 20 de outubro, Super Mario Bros. Wonder; o 3 de novembro, WarioWare: Move It!; o 17 de novembro, Super Mario RPG; e incluso adiantan que en 2024 teremos Luigi’s Mansion: Dark Moon e un novo xogo protagonizado pola princesa Peach.

PUBLICIDADE