Nintendo recoñece que Mario xa non é fontaneiro

luns, 4 de setembro do 2017 Marcus Fernández

A relación de Mario coa fontanaría nacía no xogo Mario Bros. de 1983

Aínda que nas últimas décadas sempre falamos do Mario de Nintendo como un fontaneiro, esa definición non parecía axustarse á realidade, xa que o personaxe creado por Shigeru Miyamoto tanto conduce karts, como xogo ao golf, practica o fútbol, loita contra monstros xigantescos ou incluso realiza diagnoses clínicas, actividades que non están precisamente asociadas á fontanaría, e, de feito, a profesión estaba ligada a un xogo en concreto, o Mario Bros. de recreativa (adaptado logo a máis plataformas) lanzado 1983 tras o éxito do Donkey Kong de 1981.
O propio Miyamoto recoñecera que no xogo de 1981 o personaxe era carpinteiro, polo que o feito de que logo traballase como fontaneiro co seu irmán Luigi parecía responder simplemente ás circunstancias, e precisamente iso é o que agora quixo deixar claro Nintendo na súa páxina web xaponesa, na que desligan a esta icona do mundo dos videoxogos a un oficio en concreto, mencionando que «parece que traballou como fontaneiro hai moito tempo».
Quédanos así claro que Mario non é un personaxe cunha biografía concreta, senón que muda en función das súas circunstancias, de xeito que tanto pode ser un traballador da construción como un doutor ou un deportista (tal e como recoñecera o seu creador nunha entrevista en 2010), que en calquera caso estará sempre disposto, de xeito altruísta, a salvar ao Reino Champiñón e á súa princesa das moitas ameazas ás que ten que enfrontarse.

PUBLICIDADE