Nintendo visitará Vilagarcía de Arousa para amosar as posibilidades da Switch

venres, 17 de agosto do 2018 Marcus Fernández

O pasado 22 de xuño chegou ás tendas o xogo Mario Tennis Aces para Nintendo Switch, e os usuarios que aínda non lle desen unha oportunidade poderán achegarse a partires do vindeiro martes, 21 de agosto, ao Club de Tenis O Rial en Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), escola de tenis con máis dun cento de alumnos e 32 anos de historia que acollerá a xira #SwitchTour, tras pasar por 11 cidades españolas.
O espazo #SwitchTour de Nintendo é unha estrutura móbil dividida en dúas carpas e un camión pantalla con aire acondicionado, así como un espazo a pé de rúa, que inclúe un total de 43 postos de xogos, de xeito que até un cento de persoas poderán xogar ao mesmo tempo, probando así as posibilidades da Nintendo Switch, consola que está a ser toda unha revolución.

Imaxe de participantes na xira #SwitchTour

Na parada en Vilagarcía de Arousa, concretamente na Praza da II República, os directores de DM Sport, Daniel Otero e Manuel Acuña, estarán presentes os días 21 e 22 de agosto de 18:00 a 24:00 horas, nun evento no que porán a proba as súas habilidades xogando ao tenis e as dos seus alumnos aos mandos de Mario Tennis Aces, competindo contra Mario e os seus amigos mentres dan consellos aos afeccionados asistentes.
Aparte de poder gozar de Mario Tenis Aces, no #SwitchTour tamén poderán probarse outros lanzamentos recentes de Nintendo Switch como Fortnite, Pokkén Tournament DX, Donkey Kong Country: Tropical Freeze ou Crash Bandicoot N-Sane Trilogy, así como os títulos máis importantes da consola (Super Mario Odyssey, Mario Kart 8 Deluxe, Splatoon 2 e FIFA 18). O evento tamén permite que os asistentes sexan dos primeiros en probar o xogo familiar Go Vacation.
Entres os que participen na xira de Nintendo compartindo en Twitter e Instagram fotografías amosando a súa experiencia co cancelo #SwitchTour sortearán 6 consolas Nintendo Switch en setembro.

Tráiler de Mario Tennis Aces

PUBLICIDADE