No Xapón xa hai máis consolas Nintendo Switch que PS4

mércores, 15 de maio do 2019 Marcus Fernández

Non é ningunha sorpresa que a PlayStation 4 está a chegar ao remate da súa xeración, polo que hai tempo que as súas vendas non son moi boas, de xeito que resulta evidente que actualmente a Nintendo Switch vende moito máis a nivel mundial. O que si resulta abraiante é que no mercado nipón non só a Switch vende moito máis do dobre de unidades que a PS4, senón que segundo a revista Famitsu a última consola de Nintendo con 8.125.637 unidades tería superado as vendas acumuladas da PS4 no Xapón (8.077.756).
Se temos en conta que a PS4 saíu á venda en 2014, e que a Switch non chegou até 3 anos despois, os datos de vendas da Nintendo Switch son abraiantes, xa que en só 2 anos vendería tantas consolas como Sony en 5. Pero non podemos esquecer que estamos a falar do caso nipón, que é moi peculiar, xa que o xogo en consolas portátiles e dispositivos móbiles ten un volume moi superior ao das consolas domésticas.
Se falamos de vendas a nivel mundial a Nintendo Switch tería vendido xa 34,74 millóns de unidades, mentres que a PlayStation 4 estaría preto dos 92 millóns de unidades, polo que os bos resultados da Switch no Xapón dificilmente terán reflexo a nivel global, aínda que é innegable que até a chegada das consolas domésticas de nova xeración (prevista para a segunda metade de 2020) a Switch será líder en vendas.

PUBLICIDADE