Non haberá novo Assassin’s Creed en 2019

mércores, 22 de agosto do 2018 Marcus Fernández

A franquía de Assassin’s Creed tivo que pasar un tempo en barbeito por mor do seu esgotamento, e tras a súa pausa volveu cunha fórmula renovada en Assassin’s Creed Origins, pillando un tanto por sorpresa que, tras este cambio de escenario a Exipto pasase tan pouco tempo en que anunciasen Assassin’s Creed Odyssey, xogo que verá a luz o 5 de outubro, e que estará ambientado na Antiga Grecia e protagonizado por Kassandra ou Alexios, espartanos entre os que poderemos escoller, gozando así dunha experiencia completa cun ou outro sexo (indo máis aló que Assassin’s Creed Syndicate).
Aínda que poderiamos ter a impresión de que estaban de volta as entregas anuais de Assassin’s Creed, o que podería levar a unha nova decadencia, semella que dende Ubisoft aprenderon a lección, e o máximo responsable da compañía, Yves Guillemot, explicou no marco da Gamescom de Colonia que realmente as entregas de Exipto e Grecia lanzáronse tan xuntas porque desenvolvéronse ao mesmo tempo, de xeito que tras Odyssey haberá unha longa espera ata a seguinte entrega e, como mínimo, en 2019 non teremos un novo xogo da saga.
Guillemot quixo tranquilizar aos seareiros de Assassin’s Creed asegurando que esperan entregar novos contidos para Odyssey de xeito que poderán seguir gozando deste título un par de anos sen maior problema.
O feito de que Ubisoft cese o ciclo de entregas anuais é unha grande nova, pois supón que a industria do videoxogo está a madurar, coidando máis os seus produtos, en vez de apresurarse ano tras ano para ter algo que comercializar na campaña de Nadal, o que pode ser moi contraproducente, como puido verse con Syndicate, que inxustamente padeceu o impacto negativo dos problemas que o ano anterior presentara Unity (título que claramente chegou ás tendas antes de ter completado o seu desenvolvemento, como demostraban os seus moitos fallos que tardaron meses en corrixirse).