Nova consola FPGA para recuperar os xogos da primeira PlayStation

mércores, 8 de xaneiro do 2025 Marcus Fernández

Retro Remake, creadores da placa FPGA para xogos retro MiSTER Pi, anuncian a primeira consola de videoxogos FPGA cun prezo accesible inspirada na primeira PlayStation, a SS one, que será compatible cos xogos, os mandos e as tarxetas de memoria da consola de Sony e terá un prezo de saída de 149 dólares.
Polo momento adiantan que a consola vai contar con dous portos para mandos de PlayStation, 2 rañuras para tarxetas de memoria, un adaptador para permitir o uso dunha Light Gun, lector de tarxetas microSD, 3 portos USB A, 1 porto USB-C para alimentación, saída HDMI, saídas de vídeo DIN10, VGA, por compoñentes e de vídeo composto, saída de audio de 3,5 milímetros e audio dixital, Ethernet, NFC, Wi-Fi e Bluetooth.
Aínda non se desvelou como permitirá correr os xogos en disco (probablemente cun lector externo), pero o feito de que acheguen unha recreación do hardware da primeira PlayStation pode resultar atractivo para os que busquen solucións que permiten a preservación dos xogos retro e o seu goce coa máxima fidelidade á experiencia orixinal grazas á emulación a nivel de hardware.