Nova entrega da serie de videoxogos Super Woden

martes, 13 de xaneiro do 2026 Redacción

O vigués Víctor Justo Dacruz, máis coñecido polo nome de ViJuDa no ámbito dos videoxogos, ultima o lanzamento de Super Woden: Rally Edge, un novo spin-off da serie Super Woden que verá a luz o vindeiro xoves.
O título propón unha reinterpretación do xénero de rallies cun enfoque claramente arcade, afastado do realismo estrito e centrado na diversión directa.
Rally Edge conserva a identidade da saga orixinal, pero aposta por unha personalidade de seu que rende homenaxe á historia do automóbil e ás carreiras clásicas. O xogo combina mecánicas accesibles cunha profundidade notable, permitindo aos xogadores poñerse ao volante dunha ampla variedade de vehículos, desde modelos modestos ata auténticas máquinas pensadas para probas de hillclimb, nunha progresión que premia tanto a habilidade como a estratexia.
No apartado visual, o título presenta un estilo gráfico renovado e coidado ata o último detalle, acompañado dunha banda sonora orixinal composta especificamente para transmitir a tensión e a épica propias do rally. A experiencia complétase cun sistema de compra, venda, mellora e personalización de coches no taller, así como cun modo foto pensado para capturar os mellores momentos en carreira.
Ademais do contido para un só xogador, Super Woden: Rally Edge incluirá multixogador local para ata catro persoas en pantalla dividida e rexistro de tempos en liña, co obxectivo de competir polos mellores récords a nivel global. Segundo destaca o estudio, a proposta busca recuperar unha época na que a adrenalina e o xogo inmediato estaban por riba de calquera simulación extrema, convidando a abrochar o cinto e «sentir a adrenalina en cada curva».

Tráiler do xogo