Nova entrega do Pro Cycling Manager con máis realismo e novos modos de xogo

venres, 13 de xuño do 2008 Raquel Noya

Se xa de por si o Pro Cycling Manager non fose abondo atractivo e un dos máis salientables do mercado á hora de practicar ciclismo virtual, Friendware vén de mellorar o seu simulador máis popular para ofrecerlles ós seus seareiros a súa octava edición, con novos modos de xogo (Sprint, Keirin e Eliminación) e un realismo “máxico” apto para os xogadores máis esixentes.
Esta nova entrega do Pro Cycling Manager fai que o xogo se consolide (en verbas dos seus responsables) como “o máis avanzado do mercado actual” e cuns gráficos que fan que “precisemos dun casco para probalo” e os comentarios en carreira do profesional de TVE Carlos de Andrés.
Pro Cycling Manage 8 reproduce tódolos equipos oficiais (Astana, Quick Step, Team CSC, Rabobank...) así como centos de carreiras clásicas e tódalas evolucións precisas para adaptarse ás posibilidades que ofrecen os máis modernos ordenadores.
A nova edición conta, asemade, cun editor oficial de Cyanide para crear as nosas propias bases de datos no xogo e un novo sistema de avituallamento en carreira para máis de 580 competicicións desenvolvidas en tempo real.
Os modelos en 3D dos corredores tamén foron redeseñados acadando máis texturas e máis de 100 animacións distintas para cadanseu ciclista e maillot.
A fin de contas, unha excelente vía de escape para tanto fútbol que nos permitirá meternos na pel de Contador por uns intres.

PUBLICIDADE