Novas demos para Xbox 360 e PlayStation 3

xoves, 21 de maio do 2009 Marcus Fernández

Red Faction: Guerrilla estrea demo multi-xogador

Parece que se está a converter nun costume que os xogos sincronicen os lanzamentos das súas versións de demostración nun único día da semana, e este xoves parece ser o día elixido para pór os dentes longos aos xogadores.
Para comezar, os usuarios Gold de Xbox 360 poden descargar xa as demos de Tiger Woods PGA TOUR 10 e Red Faction: Guerrilla, mentres que os de PlayStation Network repiten coa demo do xogo de Tiger Woods e engaden ao agardadísimo inFAMOUS.
Pode sorprender que falemos dunha versión de demostración de Red Faction: Guerrilla porque o xogo xa estreara unha demo o mes pasado, só que neste caso trátase dunha demo multixogador, o que permite probar unha experiencia de uso radicalmente.
O Tiger Wood’s PGA Tour pola súa banda permite botar unha partida bastante tradicional ao golf, na que incluso terá en conta a situación do tempo, aínda que a versión máis espectacular do título será a de Wii, xa vai facer uso do novo dispositivo de Nintendo (o Wii Motion Plus).
Os usuarios de PlayStation 3 serán os máis agraciados da xornada, pois poderán botar unha partida á demostración de inFAMOUS, xogo que logra captar as motivacións dun superheroe urbano e que poderemos ver nas tendas españolas a semana que vén, mentres que Prototype (título moi semellante, e que contará con versións tanto para PS3 como para Xbox 360) non chegará ata o 12 de xuño, polo que haberá que agardar para poder comparar entre ambos produtos.

PUBLICIDADE