Novas imaxes de Batman: Arkham Asylum

venres, 30 de xaneiro do 2009 Marcus Fernández

Durante varios meses traballouse na creación dun videoxogo de Batman inspirado na película El Caballero Oscuro, pero o seu desenvolvemento foi desastroso, polo que cancelouse o seu proxecto, tras o que se deu a coñecer que había outra compañía (estudos Rocksteady de Eidos) traballando nun xogo de Batman, pero que non estaría inspirado na súa versión cinematográfica, senón que estaría máis próximo do cómic orixinal, desenvolvendo unha historia de Paul Dini (creador de Harley Quinn e un dos guionistas máis importantes da serie de animación de Batman ilustrada por Bruce Timm) na que Batman se ten que enfrontar ao Joker dentro do manicomio de Arkham, aparecendo tamén outros inimigos do home-morcego, coma Riddler, Mr. Freeze, o Pingüín, Killer Croc, Zsasz, o Espantalla ou Pioson Ivy.
Para ir abrindo boca para este xogo que chegará este ano para PC, Xbox 360 e PlayStation 3, veñen de publicar novas imaxes do xogo nas que se ve ao Joker, a Killer Croc e a distintas escenas de acción, aínda que cómpre destacar que o xogo non será un beat’em up, senón que se centrará na parte máis detectivesca de Batman, aínda que tamén contará con escenas de acción para animar as partidas.
O xogo parece que vai ser un dos imprescindibles do ano, e no seu novo trailer vemos cómo tiran proveito do motor gráfico Unreal Engine 3 para dotar a este título de trepidante acción e bastante realismo.

Novo trailer do xogo

Killer Croc ten unha aparencia terrorífica no xogo de Eidos

O xogo contará con impresionantes escenas de acción, aínda que non serán o seu elemento central

PUBLICIDADE