Novo éxito de participación da feira de videoxogos Rianxo Gaming
luns, 7 de xullo do 2025
O pasado sábado Rianxo converteuse nun acceso directo ao mundo dos videoxogos grazas á nova edición de Rianxo Gaming, feira tecnolóxica para a mocidade (principalmente) que aborda a cuestión gamer dende unha óptica creativa, participativa e saudable.
De feito, nos días previos á celebración do evento en si mesmo, desenvolveuse no Auditorio Municipal, o mércores 25 de xuño, a charla O mundo dixital en familia, xornada encadrada en Rianxo Gaming e máis no programa municipal Escolas de Familias 2025, na que se abordaron as ferramentas para unha convivencia axeitada e enriquecedora coas novas tecnoloxías.
Volvendo ao miolo de Rianxo Gaming, celebrouse ao longo de toda a xornada do sábado 5 de xullo, no Campo de Arriba, e congregou centos de persoas seareiras das máis variadas disciplinas e vertentes do lecer tecnolóxico. Nesta edición o encontro seguiu a consolidarse, en palabras da organización (Concello de Lúa Gaming), como “a feira de videoxogos máis importante da nosa zona”.
A feira incluíu múltiples actividades de xogo libre, mostra de xogos retro, arcades, tendas, xantar e torneos de Mario Kart, Brawl Stars, EA Sports FC e Smash Bros, e coa novidade dos xogos de mesa e o torneo de cartas coleccionables de Pokémon TCG. O punto musical veu da man de Gallos del Norte e da Banda de Música Vila de Cedeira, co concerto Are you ready to play?, o sábado pola noite.

- A concelleira Ana Vidal Fungueiriño e o alcalde Julián Bustelo na súa visita á Rianxo Gaming
O evento estivo organizado e patrocinado polo Concello de Rianxo e a produción de Lua Gaming. Participaron Faneka Gming, Gallos del Norte, Counter Slime, Volvemos a Primera producciones, Astora Comics, Sol Maya, Beest ·D Galicia, Vella Escola Cultura Urbana, Recuncho Gamer, A Moreniña e a Banda de Música Vila de Cedeira.
Patrocinaron ou colaboraron Xanela, Creade Impresión Digital, Fibra Rianxo, Librería Cándido, Ramón e Óscar Tubío, Rent Galicia Inmobiliaria, Kiosco José Ramón e a Escola de Música de Rianxo.
