Novo mando DualSense de Astro Bot

xoves, 18 de setembro do 2025 Marcus Fernández

O xogo de Astro Bot converteuse en todo un emblema para a PlayStation 5, o que levou a que o mando DualSense inspirado no mesmo se convertese en todo un obxecto de deseño, como denota o feito de que en Amazon estea á venda a un prezo de entre 198,99 e 219,97 euros.
Pero a especulación con este dispositivos vai dicir adeus de vez, xa que veñen de abrir a reserva do mando sen fíos DualSense de Astro Bot nunha nova edición limitada alcumada como Joyful, que cambia con respecto á anterior no deseño dos ollos de Astro, que agora adoptan a forma do personaxe sorrindo, e o seu prezo de venda é de 84,99 euros.
O produto xa está dispoñible para reserva na meirande parte das tendas de videoxogos e de electrónica de consumo, polo que os interesados en facerse con esta peza de colección non deberían ter problema, e o feito de que a edición sexa limitada non parece que vaia ser un atranco para ninguén. Incluso poderiamos ver esta xogada por parte de Sony como un xeito de disuadir aos especuladores a facerse con edicións limitadas dos seus produtos, afastándoos das mans dos afeccionados para aproveitarse economicamente deles.

A nova edición do mando DualSense é lixeiramente diferente, resultando máis riquiña a nova versión

Vídeo promocional do novo mando DualSense para PS5