Novo vídeo de Matt Harding bailando por todo o mundo

xoves, 21 de xuño do 2012 Raquel Noya

Así a bote pronto é posible que o nome de Matt Harding non nos soe de nada ou o relacionemos con algún cantante de rock ou soul, ou mesmo con algún piloto de carreiras; e se preguntamos onde está?, é probable que pouca xente nos saiba responder ó primeiro intento (exceptuando os seus fieis seguidores na Rede).
Agora ben, se a resposta que damos é “bailando por todo o mundo”, xa é máis probable que ás persoas enquisadas lle veñan de inmediato á mente os vídeos que este home gravou por toda a xeografía co seu peculiar (e ridículo) baile.
Pois ben, este estadounidense afeccionado a viaxar, que un bo día decidiu abandonar o seu traballo como programador de videoxogos e gastar os seus aforros dando a volta ó mundo, vén de lanzar a súa última recompilación de vídeos, a do 2012, que malia ser igual de divertida e incluso mellor tecnicamente que as anteriores, perde a súa esencia fundamental: o seu peculiar baile.
Sevilla e Barcelona foron a súas paradas en España este ano, onde comprobou e mostra a beleza do baile flamenco, e a boa acollida dos e das españolas cando se trata de armala boa na rúa.
Os millóns de persoas que gozaron das súas anteriores pezas audiovisuais (do 2006 e do 2008), non van deixar de facelo nesta entrega, sobre todo tendo en conta que os catro anos que lle levou preparala non serviron só para viaxar e gravar cada peza bailando, senón tamén para coordinar unha traballada coreografía cos habitantes de cada zona visitada. O resultado final é unha peza de baile coordinada e ben estruturada, na que semella que a poboación de todo o mundo se puxo de acordo para facer dela un novo éxito na Rede.


O novo vídeo de Matt Harding bailando

PUBLICIDADE