Novo xogo de condución de Crash Bandicoot

venres, 21 de xuño do 2019 Marcus Fernández

O carismático Crash Bandicoot está de volta cun novo xogo, Crash Team Racing Nitro-Fueled, título de condución dispoñible xa dispoñible para PlayStation 4, Xbox One e Nintendo Switch, que a partires do 3 de xullo recibirá contido adicional de balde consistente no modo Gran Premio, que incluirá en cada nova tempada, pistas temáticas, personaxes, karts e outros elementos de personalización que os xogadores poderán obter cando se conecten á Internet.
Este novo xogo de Crash foi desenvolvido dende cero por Beenox, aínda que no proceso tamén se realizou unha remasterización do xogo orixinal Crash Team Racing de 1999, facilitando así que os seus personaxes, karts, escenarios e arenas estean dispoñibles nas novas consolas con gráficos en alta definición, no que é un excelente xeito de celebrar os 20 anos deste clásico.
En Crash Team Racing Nitro-Fueled poderemos competir con personaxes como Crash, Coco, Dr. Neo Cortex e moitos outros, que terán como misión rematar coa hexemonía do malvado Nitros Oxide, para salvar ao planeta da destrución.
Aparte de contar con gráficos en alta definición, este novo xogo de carreiras de Crash ten outros cambios como a posibilidade de personalizar os karts e personaxes, ou sexa, que poderemos pintar os vehículos e engadirlle calcomanías, á vez que os personaxes tamén poderán equiparse con skins (que incluirán animacións de podio exclusivas).

Tráiler de lanzamento de Crash Team Racing Nitro-Fueled

PUBLICIDADE