Novo xogo de rol ambientado no universo de Xogo de Tronos

xoves, 22 de maio do 2025 Redacción

A compañía surcoreana Netmarble vén de anunciar o lanzamento global de Game of Thrones: Kingsroad, un xogo de rol de acción e aventura dispoñible en plataformas móbiles e PC. O xogo chega con licenza oficial de Warner Bros. Interactive Entertainment en representación de HBO e pode descargarse de balde para PC a través de Steam, a tenda de Epic Games e a súa páxina web oficial, así como tamén para dispositivos móbiles na App Store e na tenda de aplicacións de Google.
A historia do xogo introduce unha narrativa inédita dentro do universo de Canción de Lume e Xeo. O protagonista é un novo personaxe que, por azares do destino, convértese no herdeiro da Casa Tyre, unha pequena casa nobre do Norte. Os xogadores poderán escoller entre tres clases inspiradas en roles emblemáticos da serie: Cabaleiro, Mercenario ou Asasino. Cada clase ofrece mecánicas de combate e habilidades únicas que potencian a estratexia e a inmersión en combates intensos e personalizados.
O mundo do xogo recrea con gran detalle o continente de Poñente (Westeros), con paisaxes e localizacións fieis á serie e aos libros de George R. R. Martin, incluíndo territorios inéditos. Os xogadores poderán explorar libremente lugares icónicos como Desembarco do Rei (King’s Landing), Alto Xardín (Highgarden), Castelo Negro (Castle Black) ou O Muro, ademais de aldeas, cidades e rexións salvaxes que reflicten o estilo de vida da poboación.
Durante a viaxe, atoparanse personaxes coñecidos como Jaime Lannister, Lord Varys, Cersei Lannister, Stannis Baratheon ou Olenna Tyrell, entre outros. A nivel de combate, destaca a presenza de criaturas lendarias como o dragón Drogon, que aparece como xefe de campo, así como outras bestas introducidas por primeira vez neste formato: arañas de xeo, unicornios Stormhorn, grifóns Ironbeak e o Cockatrice Vermello.
Tras o período de acceso anticipado iniciado en marzo en Steam, a versión completa chega con novos contidos, con rexións inéditas como Storm’s End e Felwood, así como tamén achega batallas máis esixentes e a posibilidade de loitar contra un novo xefe: o Unicornio do Altar das Memorias.

Tráiler de lanzamento de Game of Thrones: Kingsroad