Novos detalles sobre Bioshock 2

luns, 16 de marzo do 2009 Marcus Fernández

No novo xogo controlaremos a un Big Daddy

A semana pasada adiantouse a portada da revista Game Informer na que podiamos ver unha imaxe que correspondería ao xogo Bioshock2: Sea of Dreams, e que amosaría a aparencia dunha Big Sister, polo que daba pistas do futuro xogo, que agora veñen de aclararse grazas á chegada aos quioscos da mencionada revista.
Coñécese agora que os rumores que apuntaban a que Bioshock 2 sería unha precuela do primeiro xogo (dado que a historia orixinal tiña un final pechado) non estaban xustificados, pero o xiro argumental será moi interesante, pois en vez de manexar a un humano, o novo xogo meteranos na pel dun Big Daddy renegado, a historia situarase 10 anos despois do primeiro xogo, a Big Sister é unha das Little Sisters sobreviventes da primeira entrega (que liderará Raptura e será a inimiga a bater), partirase sen Little Sister propia (tendo que loitar contra outros Big Daddies para facerse cunha) e incluso contará cun modo multixogador. Sen dúbida, moitas novidades que dan a entender que esta nova entrega podería estar á altura dun xogo que xa fixo historia en Xbox 360, PC e PlayStation 3.