Novos mandos sen fíos para a Nintendo Switch Lite

venres, 27 de setembro do 2019 Marcus Fernández

Dende 8BitDo parecen ter moi ben collido o pulso aos xogadores de consola á hora de lanzar accesorios que casen moi ben a nivel de deseño e prestacións, e o último produto que anuncian consiste en mandos sen fíos orientados para o seu uso coas novas Nintendo Switch Lite, coas que casan en cores, e para a que propoñen novas unha curiosa alternativa ao control habitual, xa que substitúen os sticks analóxicos por crucetas dixitais, o que claramente non é axeitado para moitos xogos (como os shooters) pero si pode resultar ideal para xogos en 2D.
Estes novos mandos sen fíos para Nintendo Switch Lite están dispoñibles en reserva a través de Amazon.com, a un prezo de 25 dólares, aínda que estarán dispoñibles até o 30 de outubro, data na que é bastante probable que tamén poidan adquirirse dende España.
Esta curiosa proposta dá a impresión de estar dirixida aos amantes dos xogos retro que veñen de mercar unha Switch Lite e, en vez de conectarlle un mando con aparencia de consola clásica, prefiran un máis completo e cun deseño acordo ao da consola.
Cómpre advertir de que estes mandos empregan conexión Bluetooth 4.0, de xeito que son compatibles tamén con ordenadores persoais que conten con este tipo de conectividade.

JPEG - 219.4 KB
Os deseños e as cores dos novos mandos de 8BitDo casan perfectamente coa Nintendo Switch Lite

PUBLICIDADE