Nvivo: xorde unha rede social como un gran taboleiro onde se quere informar de tódolos concertos
martes, 24 de outubro do 2006
Os internautas afeccionados á música, igual que polo emprego da Rede, estamos unidos por unha arela: poder chegar a terra sans e salvos logo das navegacións feitas cada fin de semana na procura dos concertos máis apetecibles.
Digámolo ben claro: son tantas as mensaxes que temos que atender nas contas de correo e as páxinas web que informan de concertos como miúdos anacos dun gran crebacabezas (tan amplo que é en si mesmo un crebacabezas), que en ocasións se pode chegar a pensar que Internet dificulta as cousas no canto de aclaralas.
Un proxecto que tratase de poñer orde nas nosas cabezas serÃa de agradecer, e pode que nvivo vaia nesa liña de converterse no gran taboleiro onde está todo o que é e é todo o que está en materia de concertos no Estado español.
Trátase de algo semellante a Chuza! ou Menéame, por tratarse dunha rede social onde os usuarios engaden a información que posúen ata a consecución dun todo. Asemade, tamén é posible votar polos concertos máis acordes cos nosos gustos, facer seguimentos máis ou menos fiables dos artistas que mellor nos entran polo ollo e recibir novas e alertas sobre o que fan e deixan de facer, achegar opinións e crónicas sobre os concertos, os músicos e as salas e, a maiores, coñecer a xente coa que compartir o prezo da viaxe cara á vila ou cidade onde se celebre o concerto en cuestión.
Ambición non lle falta a esta rede nvivo, mais o éxito (unha vez máis) depende ou non de que se empregue moito e ben.
