O Ano Castelao entra na súa recta final coa presentación do audiolibro Retrincos. Un ollo de vidro

xoves, 18 de decembro do 2025 S. P.

A Cidade da Cultura acolle este xoves 18 de decembro a presentación do audiolibro Retrincos. Un ollo de vidro, unha iniciativa da Xunta de Galicia con motivo desta do Ano Castelao (no que se celebra o 75 cabodano do escritor, artista e político rianxeiro) e materializada pola Editorial Galaxia.
Na cita participou conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, que destacou que “non hai mellor homenaxe polo Ano Castelao que finalizar esta celebración posibilitando que, ademais de ler a obra dun dos nosos autores máis recoñecidos, tamén poidamos escoitala”.
Tamén fixo fincapé “na aposta que facemos desde a Consellería pola produción de audiolibros no marco das nosas políticas de apoio ao sector do libro”, dando resposta así, puntualizou, “á tendencia que nos viñan marcando os últimos estudos sobre os hábitos lectores”. Deste xeito, tal e como explicou, grazas á convocatoria de axudas da Xunta de Galicia, “encamiñadas a favorecer a produción deste tipo de recursos en galego”, neste ano apoiáronse 19 proxectos deste tipo en colaboración con cinco empresas editoriais, cun orzamento de 76.300€.
López Campos resaltou que o obxectivo é que este tipo de material “estea dispoñible nas principais plataformas de venda de libros e formato dixital, á vez que se van incorporando á Plataforma de Préstamo Dixital GaliciaLe, posta en marcha polo Goberno autonómico.
Salientou que “favorecemos o mercado editorial galego de produtos dixitais á vez que impulsamos o acceso universal á cultura por parte de toda a poboación, como facemos neste caso con dúas das obras destacadas de Castelao”.
Peche do Ano Castelao
Durante o acto, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude quixo agradecer a implicación das persoas que colaboraron na narración dun audiolibro que, destacou, “reúne dous títulos fundamentais que fan a Castelao un mestre da prosa galega e onde aflora o seu humor afiado e a critica social que o acompañou durante toda a súa vida”. Así, dixo, en Retrincos atópanse anacos autobiográficos convertidos en contos, mentres que Un ollo de vidro foi o primeiro traballo de ficción narrativa publicado polo autor.
Con esta acción, tal e como apuntou o representante da Xunta, estase a pechar un ano dedicado á figura do intelectual galego “que contou con moi diversas manifestacións a prol do seu coñecemento e recoñecemento”. Entre elas, ademais de varias publicacións, actos, xornadas e exposicións, destacou a experiencia interactiva Castelao. Mirar por Galicia, que aínda se pode visitar na Cidade da Cultura ata o 11 de xaneiro e que permite facer un percorrido en realidade virtual polo devir persoal, artístico e político dunha das figuras máis senlleiras de Galicia.