O CCG avalía os fenómenos e transformacións aos que nos aboca o Big Data

mércores, 14 de marzo do 2018 Redacción

O Consello da Cultura Galega quere tomarlle o pulso aos nosos xeitos actuais de xerar coñecemento e comunicarnos. Uns xeitos que, queirámolo ou non, pasan de xeito irremediábel (na súa maioría) a través dos novos acubillos dixitais e “conviven” cun volume de información que se duplica cada pouco. Por este motivo e co obxectivo de avaliar os procesos que nos están a mergullar na chamada cuarta revolución industrial, o CCG organiza este 15 de marzo a xornada A cultura dixital en Galicia: viaxe de ida e volta ao Big Data, á verificación e á mobilidade. Nela participan persoas expertas tanto na xestión de datos masivos como no seu tratamento informativo. No roteiro da xornada figura facer análise do chamado Big Data, un fenómeno que “non só mudou o acceso á cultura, senón que está transformando moitas das dinámicas culturais das sociedades actuais”, en palabras da organización.
Na xornada preténdese ofrecer unha visión panorámica do que acontece no panorama do Big Data, coa presentación dalgunhas experiencias, e “analízanse vías para aproveitar esa circulación masiva de datos nas iniciativas culturais nos diferentes ámbitos”. Coordinada por Xosé López, Xosé Ramón Pousa e Rosa Aneiros, a xuntanza contará con diferentes achegas que nos permitirán abordar a cuestión desde o punto de vista da tecnoloxía, a análise e a comunicación.

Programa

O catedrático da Universitat de Valencia, Anaclet Pons, abrirá a xornada coa perspectiva do historiador para dar paso ao tratamento comunicativo do Big Data da man de Carlos Elías, catedrático da Universidad Carlos III, Xaquín G.V., xornalista e infografista con ampla experiencia en medios internacionais e Jesús Miguel Flores Vivar, director de Internet Media Lab na Universidade Complutense de Madrid.
Datos masivos, ruído, aplicación a produtos culturais, novas falsas, procesos de verificación e sistemas para achegar valor engadido aos produtos culturais serán algúns dos temas a tratar.
Na xornada, Clara Higuera, científica de datos da BBC, e Carmen García Mateo, catedrática de Teoría do Sinal e Comunicacións da Universidade de Vigo, ofrecerán o punto de vista tecnolóxico e analizarán as posibilidades e responsabilidades que ofrece o coñecemento a gran escala, a automatización e a intelixencia artificial.
A xornada concluirá coa posta en común das realidades e desafíos que ofrece a cultura dixital en Galicia da man de María Yáñez, especialista en estratexias nas redes; Marcus Fernández, webmaster de Código Cero e Rubén Bastón, customer happiness director de Elogia. A xornada emitirase en directo dende a web institucional www.consellodacultura.gal e os contidos poderán ser consultados en diferido na mediateca web da institución.

PUBLICIDADE