O CCG informa dunha saturación de recursos sobre audiovisual galego na Rede
martes, 26 de febreiro do 2008
O internauta é cada vez máis coma un turista saturado de mapas. Podemos velo en calquera recanto dalgunha das nosas cidades, dándolle voltas e máis voltas ós múltiples folletos que ten nas mans, preguntando por unha igrexa que ten xusto diante. A información, todos o sabemos, debe ser a xusta e non proceder dunha chea de fontes (fontes que case sempre acaban por dicir o mesmo, pero dándolle reviravoltas). Senón é así, o resultado non é outro que ignorancia, o despiste e o descoñecemento.
O caso é que na Rede é ben probable que haxa información de máis, a estas alturas. Ou mellor dito: canles de información de máis. Segundo informa estes días o Consello da Cultura Galega nun completo informe sobre o audiovisual galego, o panorama web deste sector é abondoso de máis e, o que é peor, redundante.
De feito, hai informacións que se repiten ata en máis de dez portais da Rede de xeito simultáneo. En que situación deixa isto ós internautas? Pois máis ou menos a piques de ter unha migraña.
Segundo engade o CCG, na Internet galega hai máis de tres catálogos de producións audiovisuais, amais de numeroso portais nos que recibir a actualidade informativa, e isto sen contar co feito de que cada produtora inclúe o seu propio espazo web no que informa dos seus proxectos respectivos. “No fondo”, sinálase, “acábase por evidenciar unha redundancia informativa en sitios mantidos por entidades públicas ou privadas”.
O primeiro dos portais informativos sobre o sector abrollou en 1996 da man de Margarita Ledo: o Observatorio do Audiovisual Galego. A partires de aí, a cousa tardou o seu tempo en coller ritmo, porque o uso da Rede aínda se estaba a afianzar, pero cando o colleu, foi imparable. De feito, está aínda ben recente a presentación por parte da Xunta de Galicia de dous ambiciosos portais encamiñados en boa medida (segundo informou a Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual) a encarrilar a información nunha estrada única. Falamos neste punto de Cinegalego.es e Audiovisualdegalicia.es.
Sexa como sexa, a cantidade de proxectos web sobre o audiovisual en Galicia merece un pouco de atención.
· Observatorio do Audiovisual (ODA).
· Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi).
· O Soportal do Audiovisual Galego (AVG).
· Asociación de Empresas Galegas do Audiovisual (AEGA).
· Academia Galega do Audiovisual (Academia).
· Consorcio Audiovisual de Galicia (Consorcio).
· Clúster do Audiovisual Galego (Clúster).
· Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG).
· Observatorio Audiovisual (Observatorio).
· Curtas na Rede.
· Audiovisual de Galicia (Audiovisualdegalicia.es).
· Axencia Audiovisual Galega (Axencia).
· Cine Galego (Cinegalego.es).
