O CESGA organiza en Santiago un obradoiro de introdución a Gaussian

mércores, 5 de xullo do 2017 Redacción

A entidade Gaussian, en colaboración co Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e co profesor Saulo Vázquez da Universidade de Santiago, vén de anunciar a celebración da xuntanza de traballo internacional Introduction to Gaussian: Theory and Practice que terá lugar en Santiago de Compostela do 10 ao 14 de Xullo, 2017. Participarán no obradoiro investigadores de todos os niveis de contornas académicos e industriais, dando conta de toda a gama de metodoloxías e recursos dispoñíbeis no paquete 16 de Gaussian. O taller está estruturado para achegar unha introdución á teoría da estrutura electrónica así como unha actualización para os investigadores arestora activos neste eido. Poranse en xogo recursos para cousas concretas como computar enerxías, explorar paisaxes de enerxía ou estudar propiedades moleculares.
Os instrutores das xeiras formativas serán os investigadores Fernando Clemente (Gaussian, Inc.), Michael Bearpark (NSCCS/Imperial College London), Alexandra Simperler (Alexandra Simperler Consulting) e Edward Brothers (Texas A&M University, Qatar).
Para quen non o saiba, Gaussian é un software comercial de emprego en química teórica que predí as enerxías, estruturas moleculares e frecuencias de vibración dos sistemas moleculares. Permite, entre outras cousas, realizar cálculos mecanocuánticos de estruturas electrónicas. Gaussian foi lanzado inicialmente en 1970 por John Pople e o seu grupo de investigación na Universidade Carnegie-Mellon. Dende entón, foi obxectivo de múltiples actualizacións.

PUBLICIDADE