O CESGA puxo todos os seus recursos ao servizo da investigación contra a COVID-19

xoves, 2 de xullo do 2020 S. P.

O Centro de Supercomputación de Galicia vén de facer balance da importante actividade desenvolvida polo centro durante o Estado de Alarma, poñendo en marcha medidas que garantisen a seguridade do sue persoal e usuarios e achegando á comunidade científica todos os seus recursos tecnolóxicos para permitirlle afrontar a ameaza con innovación, coñecemento avanzado e capacidade (alta) de resposta.
No pasado mes de marzo, o CESGA actuou como consecuencia da evolución da pandemia COVID-19 e das normativas polas que se declarou o Estado de Alarma, un contexto no que se destacou o carácter “crítico” das infraestruturas de cómputo, almacenamento e comunicacións que o CESGA xestiona, máxime para os centros que nalgún momento precisasen realizar traballos de investigación relacionados coa nova ameaza global.
Así, o 16 de marzo, o CESGA adoptou unha serie de medidas que anunciou a través da súa páxina web e vía correo electrónico a tódolos seus usuarios. Todas estas medidas estaban orientadas “tanto a protexer a saúde dos seus traballadores, como a manter activos e enteiramente operacionais os seus servizos”.
Así, todos os integrantes do seu persoal técnico e de soporte continuaron dispoñíbeis e operativos en modalidade de teletraballo desde os seus domicilios, dispostos a continuar prestando servizos para satisfacer as demandas da comunidade usuaria.
O CESGA fai saber no seu balance que durante este tempo os usuarios puideron seguir contactando co persoal do centro con “total normalidade a través do correo electrónico e do teléfono”.
O 20 de marzo, en consonancia coas das distintas convocatorias de proxectos científicos e de innovación que se fixeron para a loita contra a pandemia, o CESGA priorizou os proxectos e traballos de usuarios e usuarias contra o COVID-19. Seguindo este fío, o centro comunicou á comunidade usuaria como proceder para conseguir que os seus traballos viran tempos máis curtos á solución e non tiveran que esperar nas colas de acceso ás máquinas de cómputo. Deste xeito, segue o informe do CESGA, “habilitáronse os medios técnicos necesarios para que os investigadores e investigadoras confinados nos seus domicilios puideran acceder aos recursos con normalidade e continuar traballando contra as máquinas de cómputo e almacenamento”.
O CESGA tomou esta determinación convencido de que “as solucións tanto á actual situación socio-sanitaria como a mellora das condicións socio-económicas que ten causado só serán posíbeis grazas a investigación o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación”.

Usuarios en acción contra o COVID-19

Así, cando o 20 de marzo se enviou unha comunicación a totalidade de usuarios e usuarias do CESGA anunciándolles a posibilidade de acelerar os resultados dos seus traballos se estes estaban relacionados coa loita contra a pandemia, a resposta “foi inmediata”, explica o centro, engadindo que dende ese intre “diversos grupos de investigación contactaron coa equipa técnica do CESGA para expoñer os problemas que estaban abordando e para explorar as posibilidades de redución de tempos para resolver os mesmos”.
Estes foron algúns dos grupos e proxectos que están a tirar proveito, actualmente, dos recursos dispoñíbeis no centro galego:
· O grupo de investigación dirixido por Nuria Verdaguer Massana do Institut de Biología Molecular de Barcelona, un dos centros de Excelencia María de Maeztú do Consello Superior de Investigacións Científicas utiliza as aplicacións Rosetta e GROMACS para realizar cálculos de pregamento de proteínas tratando de comprender mellor o funcionamento de distintas combinacións de antivirais fronte ao SARS-CoV-2.
· O grupo liderado por Jordi Faraudo Gener do departamento de Teoría e Simulación de Materials do Institut de Ciencia de Materials de Barcelona do Consello Superior de Investigacións Científicas recorreron a FinisTerrae para executar unha serie de simulacións relativas á COVID-19, en concreto estudar mediante dinámica molecular a interacción entre a cobertura do coronavirus SARS-CoV-2 e superficies de diversos materiais.
· O xenetista Óscar González Recio do Instituto Nacional de Investigación y Tecnología Agraria y Alimentaria, organismo público de investigación dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación, solicitou prioridade para traballos ligados a unha proba de concepto para a preparación dun proxecto ligado á COVID-19.
· O grupo de investigación que dirixe Concepción González Bello do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da Universidade de Santiago de Compostela tamén solicitou prioridade para a execución das súas simulacións relacionadas co coronavirus.
· A investigadora Paula Saavedra Nieves do departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela tamén recorreu aos servidores do CESGA para acelerar a resolución de múltiples modelos de simulación con decenas de combinacións posibles dos parámetros.
· O grupo de Jorge Mira Pérez da Universidade de Santiago de Compostela accedeu aos servidores para executar predicións dinámicas de escenarios de afectación por COVID-19. Este traballo trata de predicir a evolución da expansión e incidencia da COVID-19, sorteando os principais problemas cos que se están enfrontando os modelos coñecidos.
· José Santos Reyes do departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información da Universidade da Coruña emprega os recursos computacionais para realizar predición da estrutura de proteínas de SARS-CoV-2 con técnicas de Intelixencia Artificial e computación de altas prestacións
· Unha grande colaboración na que participan diversos grupos como os liderados por Anxo Carracedo, José Tubío, Susana Ladra, Nieves Brisaboa e tres grandes hospitais galegos xunto co CESGA propoñen desenvolver unha plataforma integrada de monitoraxe xenómica do SARS-CoV-2 en Galicia, en colaboración entre as tres universidades galegas, os centros hospitalarios do SERGAS e o propio CESGA, que se denominará Nextgalicia. Esta plataforma permitirá coñecer mellor a orixe, evolución e rutas de transmisión do virus SARS-CoV-2 en Galicia.
· A investigadora, Anna Planas do Institut d’Investigacions Biomèdiques de Barcelona (IIBB-CSIC) desenvolve un proxecto conxunto con moitos centros implicados. Entre eles están o Centro Nacional de Biotecnología (CNB-CSIC) de Madrid, o Instituto de Parasitología y Biomedicina (IPB-CSIC) de Granada, o Instituto de Física de Cantabria (IFCA), e o CESGA. Este proxecto tenta aclarar se existen diferenzas xénicas entre as persoas que desenvolven as formas máis graves da doenza e aqueles que, infectados polo SARS-CoV-2, fican asintomáticos.

PUBLICIDADE