O CITIC acolle esta semana as XV Xornadas de Enxeñería Telemática

martes, 26 de outubro do 2021 S. P.

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña acolle esta semana a quince edición das Xornadas de Enxeñaría Telemática – JITEL 2021. Será os días 27, 28 e 29 de outubro. A inauguración é este mércores na Sala Cloud do CITIC ao fío das 9.00 horas. As xornadas veñen da man do centro da UDC xunto coa Sociedade Científica de Enxeñería Telemática (SCITEL).
O acto de apertura do congreso contará coa presenza do reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; o director xeral de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual do Goberno de España, Arturo Azcorra Saloña; a investigadora e membro do Comité de Dirección do CITIC, Bertha Guijarro Berdiñas; e o presidente do Comité de Programa das XV Xornadas de Enxeñería Telemática, Víctor Manuel Carneiro Díaz.
Durante as tres xornadas, presentaranse máis de medio centenar de traballos e agárdase a asistencia de arredor de 70 profesionais do ámbito da telemática.
En palabras do CITIC, as xornadas constituirán “un foro propicio de reunión, debate e divulgación para os profesionais que imparten docencia e investigan en temas relacionados coas redes e os servizos telemáticos”. Coa celebración deste evento “preténdese fomentar, por unha banda, o intercambio de experiencias e resultados e, por outra, a comunicación e cooperación entre grupos de investigación que traballan en temas relacionados coa telemática”, engaden fontes do CITIC.

PUBLICIDADE