O CITIC da UDC participa nun proxecto europeo de IA para a detección precoz da sepsia

martes, 2 de xuño do 2026 S. P.

Noelia Sánchez Maroño, investigadora do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, que forma parte da Rede CIGUS da Xunta, participa como investigadora no proxecto europeo THUNDER, unha iniciativa financiada no marco das accións Marie Skłodowska-Curie Staff Exchange que ten como obxectivo avanzar no desenvolvemento de intelixencia artificial segura, de confianza e equitativa aplicada ao ámbito sanitario, con especial atención á mellora da detección temperá da sepsia.
Segundo lembran dende o CITIC, a sepsia é unha resposta extrema do organismo ante unha infección que pode derivar en fallo multiorgánico e falecemento e “debido á súa elevada mortalidade e á importancia crítica do diagnóstico precoz, constitúe unha das principais prioridades sanitarias a nivel mundial”.
Neste contexto, THUNDER aborda algúns dos principais retos do uso da intelixencia artificial na saúde, como a escaseza de datos clínicos de calidade, as restricións relacionadas coa privacidade dos pacientes, a presenza de nesgos nos modelos e a limitada interpretabilidade destes. Para iso, propón un enfoque colaborativo, internacional e intersectorial que integra coñecemento científico, tecnolóxico e sanitario.
Un dos obxectivos centrais do proxecto é desenvolver metodoloxías para a xeración e avaliación de datos sintéticos fiables, así como modelos de intelixencia artificial capaces de integrar de maneira responsable datos reais e simulados, co fin de mellorar o apoio á toma de decisións clínicas en escenarios complexos como a xestión de pacientes con sepsia.
O proxecto, que se desenvolverá entre 2026 e 2029, conta coa participación de 16 entidades, principalmente europeas, incluíndo universidades, centros de investigación, hospitais e empresas. Está coordinado pola Universidade de Lille e atópase en proceso de ampliación mediante a incorporación de novos socios internacionais, como Canadá e Vietnam, para reforzar o seu impacto global no ámbito da intelixencia artificial aplicada á saúde.