O CITIC e a Deputación da Coruña levaron a IA ao IES Agra do Orzán
luns, 23 de febreiro do 2026
O CITIC da Universidade da Coruña continuou este luns 23 de febreiro no IES Agra do Orzán o programa formativo en Intelixencia Artificial xerativa dirixido a alumnado de 4º da ESO e 1º de Bacharelato, desenvolvido ao abeiro do acordo coa Deputación da Coruña. A sesión, a segunda das dúas previstas neste centro, foi impartida polo investigador Javier Andrade Garda. Asistiron tamén o recentemente nomeado subdirector do CITIC, Eduardo Mosqueira, e Javier Pereira. En representación da Deputación da Coruña participou a deputada de Educación, Yoya Neira.
Educación para comprender e usar a IA con criterio
Segundo fixeron saber, o avance da Intelixencia Artificial nas dúas últimas décadas, impulsado polo incremento da capacidade de cómputo e o acceso masivo a datos dixitalizados, foi moi destacado. Porén, a aparición de ChatGPT no ano 2022 “marcou un punto de inflexión, convertendo a IA xerativa nunha ferramenta de uso xeral e masivo”. As súas capacidades (desde a xeración de texto ata a creación de imaxes, música ou vídeo) abriron “importantes oportunidades en ámbitos educativos, profesionais e creativos, pero tamén puxeron de manifesto riscos evidentes, como a desinformación, os nesgos algorítmicos, a manipulación de contidos ou o impacto na toma de decisións”, sinalaron a Deputación e o CITIC, engadindo que é neste punto onde se encadra o seu programa divulgativo conxunto: no punto de educar, divulgar e sensibilizar, principais principal instrumentos para potenciar os beneficios da IA e minimizar os seus prexuízos.
Un programa baseado no marco europeo AILit
A proposta formativa do CITIC inspírase nas recomendacións do marco europeo AILit, estruturado arredor de tres eixes fundamentais: coñecementos, habilidades e actitudes para un uso eficaz e responsable da IA xerativa. O programa aborda catro dominios clave: entender, usar, xestionar e deseñar IA.
O obxectivo principal é “proporcionar ao alumnado unha base sólida que lles permita comprender que é a IA xerativa, como funciona e en que se diferencia doutros sistemas de intelixencia artificial, así como coñecer conceptos técnicos básicos como os algoritmos, o adestramento con datos e a xeración probabilística de contidos”. O CITIC pretende tamén favorecer que estas ferramentas poidan usarse de forma práctica, segura e crítica, tanto no ámbito académico como na súa vida cotiá, “aprendendo a detectar nesgos ou erros nos resultados xerados por sistemas automáticos e reflexionando sobre as implicacións éticas, legais, sociais e ambientais do seu uso”.
Os contidos estrutúranse en dúas sesións de dúas horas en cada centro. Na primeira sesión, xa celebrada no IES Agra do Orzán, abordouse unha introdución á intelixencia artificial, explicando que é e que non é, os seus principais eidos e os fundamentos da aprendizaxe automática e dos modelos de linguaxe. Traballouse tamén o uso de chatbots para a creación de texto, como ChatGPT, Gemini, Perplexity ou HuggingChat, xunto coa enxeñaría de prompts, a importancia da privacidade, o uso do contexto e os modelos que “razoan”. Ademais, analizouse a IA como ferramenta de apoio á aprendizaxe, atendendo á detección de nesgos, erros e plaxios, así como ao seu impacto nos procesos de estudo, especialmente na evocación, elaboración e transferencia do coñecemento.
Na segunda sesión, que se desenvolveu este luns 23, o foco sitúase na IA xerativa aplicada á creación de imaxe, audio e vídeo, así como no uso seguro, consciente e legal destas tecnoloxías. Abordáronse técnicas de prompting para imaxe e a análise dos dereitos de autor, realizouse unha comparativa de ferramentas como Adobe Firefly ou Suno para a creación musical, e explorouse a xeración de audio e vídeo mediante distintas aplicacións. Presentáronse tamén ferramentas específicas como NotebookLM ou ChatPDF e promoveuse un debate arredor da autoría, a privacidade e o marco regulador europeo, incluída a futura Lei de IA.
Compromiso coa igualdade de oportunidades dixitais
O programa, que chegará a un máximo de 20 centros seleccionados pola Deputación da Coruña, desenvolverase ao longo do curso 2025-2026 en institutos urbanos e rurais da provincia.
Desde o CITIC subliñan que esta acción forma parte do seu compromiso coa transferencia de coñecemento á sociedade e coa promoción das vocacións tecnolóxicas entre a mocidade.
Este programa supón un paso máis na colaboración entre o CITIC e a Deputación da Coruña para achegar o coñecemento tecnolóxico á comunidade educativa e preparar ás novas xeracións para un contexto dixital en constante transformación.
