O CITIC organiza unha xornada clave sobre oportunidades de financiamento no Horizon Europe

mércores, 26 de novembro do 2025 S. P.

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC) celebrar este xoves 27 de novembro de 2025 unha xornada informativa e de traballo centrada nas oportunidades de participación nas convocatorias 2026 de Horizon Europe e noutros programas sinérxicos.
Baixo o título Participación nas calls 2026 de Horizon Europe e programas sinérxicos, esta sesión intensiva está dirixida a toda a comunidade investigadora e xestora da UDC e a entidades externas interesadas, segundo explicou o CITIC, engadindo que o obxectivo principal da xornada é “presentar as novidades estratéxicas do programa Horizon Europe, facilitar o networking entre as persoas asistentes e ofrecer orientación práctica para participar nas futuras convocatorias europeas”.
A inscrición é gratuíta e está aberta, previo rexistro, a todas as persoas interesadas en coñecer as novas oportunidades de financiamento europeo, coa posibilidade de asistir en liña ou de maneira presencial.
A sesión comezará ás 9:15 coa benvida institucional, a cargo da dirección do CITIC. A continuación iniciaranse os relatorios, que percorrerán os clústers temáticos de Horizon Europe.
O primeiro bloque da mañá repasará as oportunidades de financiamento recollidas no clúster 1, relacionado coa saúde; no clúster 2, centrado en cultura, creatividade e sociedade inclusiva; e no clúster 3, dedicado á seguridade civil para a sociedade.
Tras unha pausa para o café e o networking, retomarase o programa coa análise do clúster 4, sobre temáticas relacionadas co eido dixital, a industria e o espazo. Seguidamente analizarase o clúster 5, que abrangue temas como o clima, a enerxía e a mobilidade. Para finalizar a mañá repasaranse as oportunidades do clúster 6, relacionado con alimentación, bioeconomía, recursos naturais, agricultura e medio Ambiente. A continuación reservarase un tempo para preguntas e respostas.
A xornada retomarase ás 16:00 cunha sesión especialmente dedicada á xente nova que está a iniciar a súa carreira investigadora.
A xornada será impartida por Marina Martínez, experta en proxectos europeos e Punto Nacional de Contacto, ofrecendo a posibilidade de coñecer de primeira man as leccións aprendidas en convocatorias anteriores, identificar as novidades clave para 2026 e establecer relación coa comunidade investigadora.
As persoas interesadas en asistir deben formalizar a súa inscrición a través do formulario habilitado. O CITIC anima a toda a comunidade investigadora e xestora da UDC a participar activamente nesta xornada, convidando tamén a entidades externas interesadas.