O CITIC presenta ás súas novas incorporacións

xoves, 22 de xuño do 2017 Redacción

Este 20 de xuño o Centro de Investigación TIC (Campus de Elviña, A Coruña) encheuse de caras novas. O motivo? A celebración da presentación dos investigadores predoutorais, postdoutorais e investigadores de apoio ás diferentes liñas de investigación do centro. En palabras do CITIC, foi “un gran broche final” a un proceso de selección comezou en febreiro deste ano coa convocatoria de oito prazas para a contratación de investigadores en formación a tempo completo, ao que seguiu unha segunda convocatoria en marzo dirixida a contratar catro investigadores asociados e a posterior contratación de nove investigadores de apoio ás liñas de investigación do Centro.
Todos os procesos están a ser financiados pola Xunta de Galicia e a Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) con cargo á axuda de Centros Singulares de Investigación de Galicia para o período 2016-2019 recibida polo CITIC. O Centro de Investigación TIC continúa o seu labor con novas forzas e novos puntos de vista que, nas súas palabras, “enriquecerán o traballo levado a cabo no centro”.

PUBLICIDADE