O CITIC recibe financiamento para catro proxectos de I+D+i da man do Ministerio de Ciencia

venres, 3 de decembro do 2021 S. P.

O Ministerio de Ciencia e Innovación vén de anunciar o financiamento de catro proxectos do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e Comunicacións (CITIC). A dita axuda insírese no marco da convocatoria de Proxectos de I+D+i para a realización de Probas de Concepto do Ministerio de Ciencia e Innovación. O obxectivo destas achegas é avaliar, adaptar e mellorar ideas innovadoras antes da súa saída ao mercado, amais de fomentar e acelerar a transferencia de coñecementos e resultados de investigacións que xa financiadas nas convocatorias do Plan Estatal de I+D+i. Cómpre subliñar que o importe do financiamento obtido polo CITIC é de 300.000 euros.
Detrás destes catro proxectos atopamos aos investigadores e investigadoras do centro: Juan Touriño, Guillermo López Taboada, Carlos Dafonte, Minia Manteiga, Nieves R. Brisaboa, Miguel Rodríguez Luaces e Susana Ladra.
Indo ao miolo das investigacións, o proxecto Incremento da produtividade a través da automatización serverless da nube (PICSA), dirixido polos investigadores Juan Touriño e Guillermo López Taboada, quer desenvolver un software que permita avanzar a tecnoloxía serverless (computación sen servidor) para a súa adecuación como produto ao mercado diminuíndo os seus tempos de execución e o consumo de recursos.
O segundo proxecto, Gaia4 Sustainability, realizado en colaboración coa Universidade de Barcelona (UB) e dirixido no CITIC por Carlos Dafonte e Minia Manteiga, abranguerá o problema da contaminación lumínica, analizando as diferentes contribucións ao brillo natural do ceo e desenvolvendo un fotómetro baseado en hardware e software libre. Conta coa vantaxe de ofrecer de balde ao usuario o seu deseño, o seu baixo custo e achega o acceso directo aos modelos desenvolvidos. Con esta idea apóstase tamén pola divulgación e concienciación sobre o problema da contaminación lumínica.
O terceiro proxecto, SIGTRANS, coordinado polo CITIC e apoiado pola Universidade Politécnica de Madrid (UPM), está dirixido pola investigadora do CITIC Nieves R. Brisaboa coa colaboración por parte da UPM da investigadora Asunción Gómez. Nel levarase a cabo unha ferramenta web que integrará servizos avanzados para o almacenamento e explotación eficiente da crecente cantidade de datos sobre transporte público e o seu uso a través de Estruturas de Datos Compactas e algoritmos avanzados sobre tecnoloxía GIS. A finalidade é facilitarlle aos xestores do transporte público a análise do comportamento da cidadanía e a toma de decisións sobre a xestión deste servizo.
Por último, o proxecto FLATCity-POC, realizado en colaboración coa Universidade de Vigo e coordinado no CITIC por Miguel Rodríguez Luaces e Susana Ladra, céntrase nunha aplicación para axudar ás persoas con diversidade funcional a atopar o seu roteiro nunha cidade, evitando obstáculos e barreiras de accesibilidade. Con esta app os concellos poderán avaliar a accesibilidade da súa infraestrutura urbana.

PUBLICIDADE