O CITT do Campus de Lugo xestionou máis de 21 millóns euros en I+D+i entre 2017 e 2019

xoves, 16 de xullo do 2020 S. P.

A Universidade de Santiago achegou máis datos sobre o acordo asinado os días pasados coa Deputación de Lugo, a CEL e Caixa Rural para fortalecer a actividade do Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía (CITT) do Campus de Lugo. Segundo fixo saber a USC, o CITT foi quen de xestionar máis de 21 millóns de euros para actividades de investigación, desenvolvemento e innovación entre 2017 e 2019. Esta contía xestionouse a través de contratos e convenios asinados con empresas e institucións públicas.
Estes e outros datos foron achegados polo reitor da USC, Antonio López, quen se reuniu co presidente de Caixa Rural Galega, Manuel Varela, co presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, e co secretario xeral da CEL, Jaime Luis López Vázquez, para asinar a renovación do acordo conxunto a prol do CITT, a nova edición dunha alianza que, segundo dixo Varela, “contribúe desde hai máis dun cuarto de século á modernización de Lugo e de Galicia e que, como o convenio máis lonxevo e de maior contía económica de todos cantos mantén subscritos Caixa Rural Galega, dá conta do fondo compromiso desta entidade coa sociedade e coa USC”.
Volume de negocio
Segundo fixo saber a USC, a maior parte do volume de negocio xestionado polo CITT do Campus de Lugo no último trienio obedece a contratos e convenios con empresas e entidades públicas, informes técnicos e reunións científicas, actividades todas elas que depararon máis de oito millóns de euros no trienio 2017-19, un período durante o que a sede universitaria luguesa tamén captou preto de 4,5 millóns de euros a través do desenvolvemento de proxectos e accións de I+D+i con financiamento procedente de fondos europeos.
Amais, as actuacións e liñas de investigación desenvolvidas co apoio económico da Xunta de Galicia ao longo do último trienio reportaron para a sede universitaria luguesa a xestión de máis de 5,7 millóns de euros, unhas cifras de inversión pública en I+D+i que se sitúan arredor dos 2,7 millóns de euros no capítulo referido a actuacións e proxectos desenvolvidos con financiamento procedente do Plan Estatal de I+D+i, segundo se recolle na memoria de actividade do CITT referida ao último exercicio .
O convenio
A USC engadiu que o convenio para o mantemento do Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía (CITT) do Campus de Lugo permite situar esta sede universitaria “á vangarda da transferencia de coñecemento e tecnoloxía á súa contorna social máis próxima, unha transmisión que chega á sociedade directamente ou a través do tecido empresarial”, sinalou o reitor Antonio López, quen tamén fixo público o seu agradecemento tanto ao persoal técnico que desenvolve o seu cometido no CITT como ás entidades que apoian un convenio para o mantemento deste centro. A dotación orzamentaria deste acordo supera os 62.000 euros, dos que Caixa Rural Galega achega 50.000 euros, a Deputación Provincial de Lugo, 9.500, mentres que a USC participa con 3.300 euros. A contribución da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) non implica dotación económica algunha.

PUBLICIDADE