O CLAG amosará potencial galego en Conecta Fiction

xoves, 15 de xuño do 2017 Redacción

JPEG - 447.9 KB
O equipo da directiva do Clúster Audiovisual Galego nunha imaxe recente

Conecta Fiction, o encontro galego adicado á co-produción de ficción audiovisual, vai servir de escenario ás principais novidades do Clúster Audiovisual Galego (CLAG) para este 2017 e, tamén, para as tempadas vindeiras. No foro, que se celebra entre o 20 e 23 de xuño contando coa presenza activa de máis de 350 profesionais dos contidos audiovisuais e dixitais de 20 países, o CLAG terá espazo propio (un recanto de seu que servirá como “paraugas da industria audiovisual galega e para a promoción de encontros entre os seus socios e as delegacións empresariais arxentina e francesa”). Ademais, no marco de Conecta Fiction, o Clúster estreará imaxe corporativa e nova campaña, Consuma audiovisual galego, posta en marcha co obxectivo de contribuír a visualizar o talento dos nosos profesionais e empresas do sector, así como a variedade e a calidade dos recursos dos que dispoñemos como plató para a rodaxe de series.
Como lembraremos, Conecta Fiction é unha xuntanza do sector (directivos de cadeas e plataformas, produtoras, distribuidoras, empresas investidoras, amais de creadores e guionistas) que vén da man da Xunta, o ICEX España, a Fundación SGAE, a axencia AGADIC e o CLAG baixo a produción de Inside Content. Grazas a este evento, xuntaranse no Gaiás profesionais de ámbalas beiras do Atlántico representando a empresas (produtoras, cadeas, plataformas dixitais de distribución, operadoras) como Arte, Atresmedia, Fox Networks Group, France Televisión, HBO, Mediaset, Movistar+, Netflix, RTVE, RTP de Portugal, Sony Pictures TV, Telemundo, Televisa, Televisión Nacional de Chile, Turner Latin America, TV Azteca e Univisión, entre moitas outras.
Campaña
Volvendo á axenda do CLAG para Conecta Fiction, estreará como dixemos unha campaña destinada a impulsar o consumo do noso audiovisual pola industria estatal e internacional e, tamén, polo público en xeral. A proxección dun vídeo de promoción do sector galego tralo acto oficial de inauguración de Conecta Fiction mércores 21, ás 13.30 horas, servirá para o lanzamento desta iniciativa, nas canles tradicionais e, por suposto, nas redes sociais e en todo tipo de plataformas en liña. Con ela, sinala o Clúster, “quérese mostrar os excelentes recursos cos que contan as empresas galegas na produción de ficción, ademais de poñer en valor o capital humano do que dispoñen, o que fai posíbel que na nosa Comunidade se poida desenvolver calquera tipo de proxecto audiovisual”.
Como dixemos, entre os días 21 e 23 de xuño tamén se disporá dun Espazo Clúster na feira; un stand situado no edificio do Museo Centro Gaiás que servirá como “paraugas da industria audiovisual galega” e dará visibilidade ao Clúster e as súas empresas, unha alianza “adicada a promover sinerxías, xerar negocios e impulsar o desenvolvemento das firmas asociadas”. Dende este espazo, engade a plataforma empresarial galega, “achegarase aos axentes acreditados no encontro a nova edición do Catálogo de Servizos do Clúster Audiovisual Galego”. Este catálogo, unha escolma de produtos e recursos ao servizo das empresas da entidade, tamén estará dispoñíbel para a súa consulta na web do Clúster a partir da vindeira semana.
Amais de todo o devandito, haberá un encontro entre asociados e membros das delegacións empresariais arxentina e francesa, previsto para o xoves 22, ás 12:00 horas, no Edificio CINC da Cidade da Cultura. O obxectivo desta xuntanza é fomentar a internacionalización dos socios do Clúster e, tamén, “servir de escaparate de todos os recursos técnicos e de produción dos que dispón a industria de Galicia”. A apertura do acto correrá a cargo de Jorge Algora, presidente do Clúster, e participarán no encontro as compañías e entidades galegas Aeromedia U.A.V., Agallas Films, CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia), CTV, Otiiplanet Group e Portocabo.

PUBLICIDADE