O CMG acolle unha exhibición de curtametraxes na Rede

martes, 16 de setembro do 2008 Raquel Noya

O Centro Multimedia de Galicia vén de anunciar que mañá mércores, día 17 de setembro ás 19:30 horas, vai dar acollida a unha xornada de exhibición dalgunhas das curtametraxes que se presentan na edición deste ano ó concurso Curtas na Rede, onde os directores amosarán, entre outras cousas, o obxectivo dos seus traballos, as anécdotas da rodaxe ou o xeito de afrontar o proceso de produción dos seus filmes.
O concurso Curtas na Rede, que organiza o Consello da Xuventude de Galicia en colaboración coa Secretaría Xeral de Comunicación, únese deste xeito á campaña de dinamización da rede de telecentros Comunícate, que está a desenvolver a Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual nos distintos centros dependentes do CMG co obxectivo de dar a coñecer as distintas posibilidades dos mesmos.
A xornada será retransmitida a través de videoconferencia dende o CMG aos telecentros de Pontevedra, Ourense, A Coruña, Lugo, Santa Comba e Vimianzo; nela, os asistentes poderán comunicarse directamente cos directores das curtas mostradas e manter conversacións en tempo real con eles.
A través desta iniciativa, a Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual pretende que os telecentros se incorporen como alternativa habitual na axenda de tempo libre da cidadanía e que se “constitúan en focos dinamizadores de acceso ás novas tecnoloxías”, co fin de crear unha “comunidade virtual” que fomente a autoxeración de actividades por parte dos usuarios.