O CNTG comeza o vindeiro 13 de outubro o seu programa formativo sobre seguridade en redes

luns, 20 de setembro do 2010 Redacción

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia acollerá o vindeiro 13 de outubro, a partir das 16.30 horas, unha xornada sobre arquitectura de seguridade perimetral. Esta actividade formativa, informa o CNTG (situado no barrio de Conxo, en Santiago) é a primeira dunha serie de charlas técnicas centradas na seguridade de redes de comunicacións que terán lugar no dito centro ao longo da programación formativa correspondente ao período outubro de 2010 a xuño de 2011. O contido da xornada centrarase na arquitectura de seguridade perimetral con especial referencia a súa implementación mediante tecnoloxías básicas: Filtrado de paquetes e NAT.
Como complemento da xornada, aquelas persoas que asistan á mesma, o soliciten expresamente ao remate da charla e garantan estar en posesión duns coñecementos técnicos mínimos poderán asistir a un obradoiro práctico, a celebrar en día posterior (máximo 15 asistentes), con equipamento CISCO onde se traballarán os conceptos e tecnoloxías desenvolvidas na xornada.
O relator da xornada será Javier Novoa, doutor en Informática pola Universidade da Coruña, onde é profesor do Departamento TIC na área de Telemática e imparte as materias de Redes en Enxeñaría Informática e Seguridade de Sistemas da Información no Máster de Enxeñaría Informática. Ademais, cómpre lembrar que é formador do Grupo Academia Postal no programa Cisco Networking Academy dende o ano 2000, onde imparte cursos de CCNA Discovery, CCNA Exploration, CCNA Security e CCNP. Posúe, entre outras, as certificacións de CCNA, CCAI, CCDA e CCNP.
O acceso, previa inscrición a realizar en liña a través do portal web do CNTG, é de balde e condicionado ao aforo del local. Horario do evento: 16:30 - 19:30.
A xornada coloquio vai especialmente dirixida a persoal técnico das áreas de informática, electrónica e telecomunicacións non especialista no eido de seguridade. Inclúense neste perfil os analistas e administradores de sistemas, enxeñeiros de software, técnicos de operación e mantemento, administradores de bases de datos, programadores etc.. que teñan interese en coñecer as tecnoloxías propias da arquitectura de seguridade perimetral.

PUBLICIDADE