O COETG celebra mañá un Foro Dixital sobre o papel das mulleres e as rapazas nas TIC

luns, 14 de maio do 2012 Raquel Noya

Atendendo ás premisas marcadas este ano pola UIT (Unión Internacional de Telecomunicacións) para celebrar o Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2012, o Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia van celebrar, mañá martes 15 de maio, un Foro Dixital no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), dedicado ao papel das mulleres e das rapazas nas TIC.
O acto, no que participa tamén a Escola de Enxeñería de Telecomunicación de Vigo, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Consellería de Educación, será transmitido por Internet vía streaming para que poida ser seguido en directo por alumnas e alumnos de varios colexios galegos,
O programa deseñado polo COETG inclúe as palabras de benvida e agradecementos do decano da entidade, Ramón Bermúdez de Castro, así como a intervención da representante e vogal da Xunta Directiva do COETG/AETG Pilar Villaverde, que dará lectura ao Manifesto do COETG con motivo do Día Mundial.
A esta intervención súmase a da directora da EET, Edita de Lorenzo, a da directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, e a dun representante da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que contestarán ás dúbidas que sobre o eido lle xurdan aos alumnos presentes por videoconferencia.
O evento ten previsto rematar ás 12:45 horas.



PUBLICIDADE