O CPEIG anuncia a 14ª edición do seu Concurso de Postais de Nadal

venres, 28 de novembro do 2025 S. P.

Dende o CPEIG (Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia) veñen de anunciar unha nova convocatorio do seu Concurso de Postais de Nadal dirixido a nenas, nenos e adolescentes de 3 a 18 anos.
O certame, que xa vai pola súa décimo cuarta edición, divídese en dúas categorías: A, dirixida á rapazada de entre 3 e 12 anos; e a B, pensada para adolescentes de entre 13 e 18 anos.
Os e as participantes deberán ser familiares de persoas colexiadas. O número máximo de candidaturas por colexiado é de tres. O premio, que recibirá o gañador ou gañadora, será unha tableta para a categoría A, e uns auriculares sen fíos para a categoría B. A xunta de goberno do CPEIG elixirá, de entre as dúas persoas gañadoras, a obra que será a felicitación oficial do Colexio para estas festas.
Segundo as bases do certame, a técnica é libre e poderanse empregar pinturas, témperas, ceras, colaxe, etc. O formato pode ser vertical ou horizontal. Os e as participantes poderán enviar as súas propostas ata as 13 horas do día 10 de decembro, remitíndoas ao correo electrónico informacion@cpeig.gal, cos datos da persoa candidata e xuntando a postal dixitalizada con calidade e en formato jpg ou png. O fallo do xurado farase público na web do CPEIG o 14 de decembro.