O CPEIG e AMTEGA alentan o talento innovador dos nosos estudantes en xornadas itinerantes

venres, 20 de outubro do 2017 Redacción

A fórmula de promoción talento innovador funciona, e se funciona no ámbito empresarial, por que non aplicala de cheo ao ámbito educativo? Esta é a premisa do programa Transformación Dixital e Talento impulsado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a axencia AMTEGA, unha premisa que vén de marcar un fito coa xornada XTdT celebrada os días pasados en Santiago (facendo voar o espírito innovador en compañía dun centenar de profesionais e universitarios) e que chegará os días vindeiros a diversas localidades galegas, xuntando estudantes de secundaria para fomentar as vocacións nos estudos relacionados co sector TIC, en palabras das dúas entidades “un dos máis dinámicos da economía española e con máis saídas laborais”.
O programa de charlas comezou onte no IES Concepción Arenal de Ferrol. Os días 24 e 26 de outubro desenvolveranse no IES Rosalía de Castro, en Santiago; o día 26 no Seminario Menor A Inmaculada, de Ourense, e o 27 deste mesmo mes no IES Número 1 do Carballiño. Tamén está previsto impartir unha charla na cidade da Coruña.
Nas charlas, colexiadas/os do CPEIG achegaranlle ao alumnado destes centros “como é o perfil das/os profesionais da Informática”, xunto cos motivos para estudar unha enxeñaría e, concretamente, a Enxeñaría en Informática. Asemade, daranlles a coñecer as saídas laborais destes estudos.
Como dixemos, esta iniciativa itinerante representa unha continuidade da Xornada Transformación Dixital e Talento desenvolvida o pasado 16 de outubro en Santiago con grande éxito de convocatoria. Nela, o CPEIG e a AMTEGA foron quen de crear, nas súas palabras, “un punto de encontro para empresas, universidades e estudantes ao redor da economía dixital”. Na xuntanza, enmarcada no convenio de colaboración que manteñen as dúas entidades, participaron profesionais referenciais das TIC como Constantino Fernández, presidente executivo de Altia; Enrique Dans, profesor de Innovación do IE Business School; Juan Carrillo, Director de Relacións con Clientes de LinkedIn; e David Tomás, co-fundador e director executivo (CEO) de Cyberclick.

PUBLICIDADE