O CPEIG e a ESEI de Ourense ofrecen coa Hora do Código unha manchea de obradoiros

xoves, 17 de xaneiro do 2019 Redacción

A Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia celebran este sábado 19 a Hora do Código, unha iniciativa internacional promovida pola organización Code.org que se dirixe a mostrar as posibilidades e vantaxes da programación, a informática e a robótica entre as novas xeracións. Na cita deste sábado, en Ourense, participarán rapazas e rapaces de 6 e 18 anos nun amplo abano de obradoiros de balde que se celebrarán nas instalacións universitarias co reto de espertar nelas e neles a curiosidade pola programación.
O obxecto da iniciativa, explican desde a súa organización, é achegar dunha forma lúdica e divertida o mundo da programación ás xeracións máis novas. Ademais, pretende estender os coñecementos de ciencias da computación aos máis pequenos e pequenas tendo en conta que a tecnoloxía está cada día máis presente en todas as facianas, desde o ocio á educación. A xornada desenvolverase nas aulas do edificio politécnico do campus de Ourense de 9.00 a 19.30 horas, con prazas dispoñíbeis para arredor duns 300 rapaces e rapazas que poderán estar acompañados na aprendizaxe polos seus proxenitores. As actividades desenvolveranse coa participación de voluntarias e voluntarios colexiados e por docentes especializados nas TIC no ámbito educativo.
Francisco Rodríguez, tesoureiro do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia e director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, salienta que esta actividade está deseñada para que a mocidade entenda as bases e fundamentos da programación. “Aínda que os rapaces nun futuro non desenvolvan unha profesión como a enxeñaría informática, a nosa sociedade evoluciona cara unha totalidade de produtos que inclúen software dalgún tipo, e entender as bases da programación fará que comprendan mellor o funcionamento destes elementos e poidan obter todas as vantaxes que ese coñecemento proporciona”, afirma.
Durante a celebración impartiranse en paralelo diversos obradoiros, indicados para as distintas idades, sobre iniciación á programación, iniciación á programación con Scratch, iniciación á programación de dispositivos con Arduino, cinema e vídeo en 3D, impresión en 3D, drons, realidade virtual e Nenoos Tech. Haberá un obradoiro de iniciación á programación, no que as e os participantes (de 6 a 10 anos) aprenderán a programar con xogos de Minecraft, Disney, Starwars ou Frozen. Tamén haberá talleres de iniciación á programación con Scratch, para rapazas e rapaces de 10 e os 18 anos, e de iniciación á programación con Arduino, destinado ás mesmas idades.
Asemade, o programa inclúe actividades de cinema e vídeo en 3D (na que afondarán na creación dun escenario de animación empregando Alice 3.0) e sobre impresión en 3D (na que se amosará como se fan pezas e se traballa con impresoras deste tipo). Tamén haberá obradoiros sobre drons e sobre realidade virtual.
As actividades, que son totalmente gratuítas, desenvolveranse a longo do día (nas aulas da ESEI (Edificio Politécnico, Campus de Ourense). Toda a información sobre o evento e inscrición está dispoñíbel na web: http://horadocodigo2019.eventbrite.es/.
Como lembraremos, a Hora de Código é un evento internacional que ten como obxectivo o de ensinar programación e as bases da informática ás nenas e nenos partindo de titoriais básicos dunha hora de duración. A iniciativa busca estender os coñecementos de ciencias da computación aos máis pequenos e pequenas para que coñezan os conceptos e o mundo no que viven, “unha realidade na que a tecnoloxía está cada día máis presente en todas as facianas, desde o lecer á educación”, explica o CPEIG.
A Hora do Código está promovida internacionalmente, desde o ano 2013, pola entidade sen ánimo de lucro estadounidense Code.org. A nivel internacional a iniciativa está apoiada polas grandes compañías tecnolóxicas, como Google, Amazon, Apple, Facebook e Microsoft, e por persoeiros como Bill Gates ou Mark Zuckerberg. Code.org, para quen non o saiba, é un organismo público adicado a ampliar a participación en Informática. O seu obxectivo é que todos os estudantes teñan a oportunidade de aprender programación.

PUBLICIDADE