O CPEIG realiza recomendacións para a protección de datos persoais

venres, 27 de xaneiro do 2017 Fernando Sarasketa

Este sábado 28 é unha xornada de celebración que nos toca ben de preto aos que estamos afeitos a traballar con e para a Rede, o Día Europeo da Protección de Datos. Trátase dun evento impulsado pola Comisión Europea, o Consello de Europa e as autoridades na materia dos estados membros da Unión, co obxectivo de “promover o coñecemento entre a cidadanía sobre cales son os seus dereitos e cales as súas responsabilidades” á hora de velar pola información privada e persoal das restantes persoas e entidades (e tamén das súas). Co fin de que se non se nos pase por alto a necesidade de sermos coidadosos coa información, diversas entidades da nosa terra están a incidir estes días na importancia da cuestión. Por exemplo a Confederación de Empresarios da Coruña e o bufete Pintos & Salgado (que organizaron unha xornada sobre datos) ou o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), que vén de lanzar unha serie de recomendacións recordándonos, a maiores, a importancia de afianzar á sociedade galega “na cultura da protección de datos”.
Baixo a devandita premisa, o colexio que preside Fernando Suárez quere contribuír coas ditas recomendacións feitas públicas “a unha Sociedade da Información na que a cidadanía sexa consciente tanto de todas as oportunidades coma dos riscos que ofrece a Internet”. De seguido, damos conta destes consellos que todas e todos os que empregamos as novas tecnoloxías, a nivel persoal ou empresarial, debéramos ter sempre presentes.
· Antivirus. Cómpre actualizar decote o software antivirus e de seguridade. Tamén é necesario configurar o software do navegador coas opcións de seguridade máis restritivas.
· Executábeis. É preferíbel non descargar programas executábeis ou ficheiros que poidan conter “software malicioso”. Debemos protexer o noso con programas “devasa” e de detección e eliminación de “software espía”.
· Identificadores. Segundo lembra o CPEIG, o intercambio e a entrega de datos de carácter persoal e bancarios “debe efectuarse nos sitios web que dispoñan de protocolos seguros e de política de privacidade”. Nunca deberemos fornecer información sobre os nosos identificadores de usuario e moito menos sobre as nosas claves de acceso. Cómpre sermos especialmente rigorosos en avisos de sorteos, ofertas telefónicas ou promocións comerciais de calquera tipo.
· Contrasinais. É aconsellábel manter contrasinais istintos para cada web ou servizo que sexan longos de abondo e difíciles de adiviñar. Tamén é recomendábel non usar o PIN dunha tarxeta de crédito, nin a data de nacemento, nin palabras do dicionario ou diminutivos. Conveñen palabras nas que se combinen maiúsculas, minúsculas, números e outros caracteres especiais permitidos, ("iogur.de#piña", "meu-can.ch4mase-Roque") que resulten doadas de lembrar aínda que difíciles de adiviñar a un terceiro.
· Wi-Fi. Particular atención ás redes sen fíos abertas. A información vai sen protección, logo é susceptíbel de ser interceptada e utilizada con fins non autorizados. O CPEIG lembra que é doado obter os datos de acceso da gran maioría das redes. Recoméndase usar os últimos protocolos dispoñíbeis cando se poida (WPA/WPA2).
· Buscadores. Debemos ter en conta que o uso dun buscador xera tratamentos de información, que serán empregados como mínimo para ofrecer anuncios personalizados. Convén coñecer as políticas de uso do buscador que máis empreguemos. Os buscadores poden permitir obter perfís completos sobre a nosa información pública en Internet.
· Cookies. Cómpre borrar con regularidade as cookies e os arquivos temporais de Internet, así como o historial de navegación, especialmente cando se acceda a Internet dende un computador ao que teñan acceso outras persoas.
· Spam. No caso de recibirmos correos non desexados (spam), é mellor non enviar unha resposta, xa que estaremos confirmando a validez do noso enderezo electrónico. É conveniente desactivar a opción que envía un acuse de recibo ao remitente das mensaxes lidas do sistema de correo electrónico.
· E-mail. Cando envíemos mensaxes de correo electrónico a diferentes destinatarios, cómpre empregar o campo “Con Copia Oculta (CCO)”. No caso de envíos masivos debemos empregar “listaxes de distribución”.
· Redes sociais. Debemos garantir a seguridade da nosa información nas redes sociais mediante unha configuración axeitada do noso perfil e empregando contrasinais. “Cómpre non esquecer que os buscadores poden permitirlle a un terceiro obter a información pública dos perfís”, recorda o CPEIG.
· Imaxe. A imaxe é un dato de carácter persoal cuxa difusión ou acceso non autorizado pode ser particularmente molesto ou daniño. Ao publicarmos unha foto ou escribirmos nun foro podemos estar incluíndo información sobre outras persoas. Cómpre que sexamos consciente de que temos que respectar os dereitos desas persoas.
· Cámaras web. Antes de instalar unha cámara web que reproduza imaxes na Internet, hai que asegurarse de que a captación sexa o menos intrusiva posíbel. Así mesmo, debe garantirse a seguridade impedindo o acceso non autorizado a imaxes captadas por este tipo de cámaras.
· Nenez. O CPEIG lémbramos que “debemos educar a infancia nun uso seguro das redes e acompañar os nenos e nenas na súa navegación. Ademais, cómpre adoptar medidas de seguridade física e informáticas para os máis cativos, como a situación do ordenador na casa ou unhas horas determinadas de uso.

PUBLICIDADE