O CPEIG súmase ás actividades do Día da Protección de Datos

mércores, 26 de xaneiro do 2011 Fernando Sarasketa

Cartel das xornadas sobre salvargada da información persoal celebradas polo Colexio en novembro

Este 28 xaneiro, promovido polo Consello de Europa, celébrase o Día da Protección de Datos. A celebración, que non se podería entender sen a Rede as posibilidades que nos achega en materia comunicativa e informativa, vén a ser como a defensa dun piar firme para a consecución plena da cidadanía dixital, este estado de cousas en que teremos man para facer tecnoloxicamente unha boa parte do que facemos de xeito presencial, e máis aínda. A divulgación dos nosos dereitos en materia de protección de datos diríxese polo tanto a apuntalar este edificio, garantindo que se faga do mellor xeito posible. Entre as entidades galegas que xa confirmaron a súa participación activa neste evento atópase o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), que xa ten tras de si unha ampla experiencia en achegar coñecemento sobre o “o bo uso da información persoal”.
Proba disto é a publicación recente do libro Empresa, Protección de Datos e Administración Electrónica, unha obra dirixida e coordinada por Rafael Millán (profesor de Dereito da Empresa da Universidade de Santiago) e Fernando Suárez (presidente do CPEIG). O volume, achega colectiva dunha ducia estudos sobre a salvagarda da información, contou coa participación directa de diversos especialistas de recoñecido prestixio en protección de datos a nivel nacional e internacional.
Amais do devandito, o CPEIG anuncia que seguirá a traballar na “defensa do individuo e do seu dereito á protección dos seus datos, recollido na Constitución Española e entendido como a súa facultade para decidir cando e baixo que límites debe revelar datos sobre a súa persoa”. Por estes e outros motivos, o colexio está a facer pública xa unha completa declaración institucional sobre a celebración deste 28 de xaneiro, un manifesto no que se salienta a importancia do coñecer os nosos dereitos e deberes en materia de protección datos, labor de concienciación que a xuízo do CPEIG debe comezar cos máis novos “mediante a formación do profesorado para que logo llo transmitan ao alumnado de tódalas etapas e ciclos educativos”.

PUBLICIDADE