O CPETIG programa un outono de formación para todos os públicos
luns, 13 de setembro do 2021
O
Colexio Profesional de Enxeñaría
Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) vai comezar o outono
con formación, divulgación e sensibilización. Farao cun completo
programa de actividades dirixidas aos profesionais, á comunidade
educativa e á sociedade en xeral. Para o desenvolvemento deste
completo programa de actuacións conta co apoio da Axencia para a
Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) no marco das accións
definidas na Estratexia Galicia Dixital 2030. Porase o foco, entre
outras cuestións relevantes, en loitar contra a fenda dixital de
xénero en calquera das súas manifestacións.
A
primeira das actividades programadas é un ciclo de xornadas técnicas
sobre a salvagarda da información, dirixida a axentes da Rede de
Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (Rede CeMIT)
da Xunta de Galicia. Comezaron esta semana en streaming desde
o GaiásTech e continuarán este 14 de setembro, con relatores
expertos como Paco Marcilla.
Tamén
está prevista, nun ámbito máis profesional, unha nova edición dos
Seminarios sobre Informática Xudicial, Ciberseguridade e Protección
de Datos – Iuristicgal. Novamente o obxectivo será o de informar
aos profesionais do dereito sobre os aspectos máis relevantes da
administración electrónica xudicial.
Divulgación
e sensibilización
O
CPETIG impulsa tamén unha nova edición do Scratch Day, unha
iniciativa que ten por obxectivo achegar nocións de programación
informática a escolares de entre 7 e 15 anos e fomentar as vocacións
científico-tecnolóxicas entre os mozos e mozas. Esta actividade
terá, en palabras do CPETIG, “un enfoque totalmente práctico”,
seguindo o ronsel de éxito de participación das edicións dos
anteriores anos, complementándoa (desta volta) cun obradoiro
dirixido ao profesorado.
O
Scratch Day, explican dende o colexio, “pretende divulgar os
valores da programación informática desde idades temperás, de
xeito que os escolares acceden a esta contorna técnica de forma
lúdica e divertida, tendo en conta como valor engadido que a través
da programación se incentivan a creatividade e o emprendemento e se
melloran a motivación, a autonomía e a capacidade de resolución de
problemas”.
No
marco da programación do CPETIG presentarase tamén un documental
sobre a presenza das mulleres no eido das enxeñarías informáticas
que ten por obxectivo poñer en valor e incentivar a súa
participación no sector. O documental está centrado na necesidade
que teñen as carreiras tecnolóxicas e en especial a informática da
presenza feminina como aporte de valor, dándolle visibilidade ás
mulleres que foron esenciais no desenvolvemento desta disciplina e a
tantas outras que hoxe en día traballan no sector, buscando desde as
súas experiencias rachar con ideas preconcibidas que afastan ás
mulleres, desde idades moi temperás, da opción de escoller estudos
vencellados á informática.