O Carballo Interplay mostrará a creatividade online do feminismo máis disidente

mércores, 28 de outubro do 2020 S. P.

Lorena Iglesias estará presenta na edición máis híbrida do festival de Carballo

A sétima edición do festival de contidos online Carballo Interplay, que se celebra en novembro entre os días 18 e 21, segue a achegar pílulas de información sobre un programa que, malia os importantes condicionantes da crise sanitaria, promete ser satisfactorio, diverso e ateigado de propostas de calidade e orixinalidade. Esta semana puidemos saber que a edición máis híbrida do festival (por desenvolverse a cabalo entre o universo virtual e o presencial, asegurando os factores distanciamento e protección sanitaria) contará coa participación de Lorena Iglesias, Living Postureo, Percebesygrelos, Penny Jay, Anna Pacheco ou Andrea Gumes, entre outras representantes da nova cultura abeirada ao dixital e, máis polo miúdo, da nova comedia feminina, contestataria, crítica e retranqueira, que abrolla en Internet.
En palabras da organización, Interplay Producións e o Concello de Carballo, será unha boa oportunidade para “percorrer as barricadas da comedia online feminina”, cun “menú degustación de shows pensados, dirixidos e protagonizados por mulleres que desenvolveron as súas carreiras desde a resistencia e desde Internet, en distintos formatos e plataformas”.
Polo que respecta a Lorena Iglesias, é unha actriz, guionista e youtubeira marxinal que participa en programas de radio e colabora en eventos feministas e que desenvolve na Academia de Cinema a serie Millennials mal. No CIP presentará Necroshow, un show con vídeos, música urbana en vivo, ASMR e caseta-up que saca o seu nome dunha frase da presidenta madrileña Ayuso sobre a exhumación de Franco.
O Carballo Interplay ofrecerá tamén ao seu público a oportunidade de participar en directo no podcast de Carolina Iglesias e Victoria Martín, Estirando o chicle. Carolina Igresias é unha guionista, cómica e presentadora que se deu a coñecer no chat de Operación Triunfo e colaborando en Yu e La Hora Yutuber. Coñecida en Internet como Percebesygrelos, hai uns anos visitou o festival para falar da súa canle de Youtube e das súas paixóns: a cultura pop, Galicia e Eurovisión. Volve ao festival da Costa da Morte acompañada pola xornalista, guionista e colaboradora de televisión e radio Victoria Martín, co-creadora da canle de Youtube Living Postureo e do programa de Flooxer, Neox e Europa FM Problemas del Primer Mundo. Tamén colabora en Yu No te Pierdas Nada e traballou para La Resistencia, de David Broncano, e como colaboradora de Las Que Faltaban, de Movistar+, e en diferentes formatos da canle Comedy Central.
Todas elas ofrecerán os seus shows o venres 20 pola tarde e o sábado 21 pola mañá falarán con Sara García, máis coñecida na rede como PennyJay, sobre porqué custa asumir que as mulleres son tan graciosas como os homes. PennyJay é a creadora, produtora, directora e presentadora do proxecto Riot Comedy, primeiro espectáculo de comedia feminina que reivindica a presenza de mulleres no mundo da comedia, e colaboradora en Señoras Fetén.
O Carballo Interplay completará o seu percorrido pola Internet máis feminista, diversa, aberta e disidente dirixindo a súa ollada ao proxecto Radio Primavera Sound e ao seu espectáculo Ciberlocutorio, un podcast en directo presentado polas xornalistas Anna Pacheco e Andrea Gumes, que contarán nesta ocasión con Brays Efe a xeito de convidado. O actor, coñecido polo seu papel protagonista en Paquita Salas, analizará xunto a Pacheco e Gumes a actualidade desde un enfoque social, feminista e millennial.
Tamén estará no Interplay a directora de Radio Primavera Sound, Marta Salicrú, xornalista musical con 15 anos de experiencia que participou como relatora en eventos internacionais da industria musical como Eurosonic Noorderslag (ESNS), Primavera Prol, M for Montreal and MIL ou Lisbon International Music Network e que en Carballo conversará sobre a importancia de impulsar e manter na Rede “unha radio feminista, diversa, aberta e disidente”.
A encargada de analizar os porqués das desigualdades de xénero no ámbito dos videoxogos será Marina Amores, Blissy, directora da serie documental Nerfeadas, que aborda desde distintos ámbitos a cuestión do machismo na industria do lecer interactivo, e farao acompañada de Minia Samku Monteagudo, comentarista e divulgadora de eSports. Falarán sobre esta cuestión o xoves 19 pola mañá, nunha conversación por streaming especialmente pensada para o alumnado de Educación Secundaria.

PUBLICIDADE