O Carballo Interplay trae dúas novidades centradas nas míticas series Twin Peaks e Sexo en Nova York

venres, 20 de marzo do 2026 S. P.

Estela Ortíz

Os contidos dixitais volverán ser o eixo dunha nova edición do Carballo Interplay, un encontro que chega xa á súa 13ª edición e que se celebrará do 16 ao 19 de abril na vila bergantiñá que serve de nome a este festival.
Desta volta o Carballo Interplay trae dúas novas actividades que revivirán dous títulos ben senlleiros da historia da televisión cunha ollada diferente, máis actual e lúdica. O Mercado de Carballo acollerá así un encontro arredor de Sexo en Nova York e outro centrado en Twin Peaks, dúas propostas que parten de series xa convertidas en clásicos para demostrar a súa capacidade de seguir presentes.

Raquel Piñeiro

O primeiro destes encontros terá lugar o venres 17 de abril ás 19 horas coa gravación en directo de Sexo en Nova York Podcast, da man de Raquel Piñeiro e Patricia Blanco. Xa o sábado 18, ás 18.30 horas, será a quenda de I’ll see you in my dreams. Twin Peaks, unha conversa entre Estela Ortiz e Juan Evaristo Valls Boix arredor da icónica creación de David Lynch.
Raquel Piñeiro e Patricia Blanco levarán ao Mercado de Carballo a esencia de Sexo en Nueva York Podcast, o proxecto co que desde 2022 revisan episodio a episodio a popular serie a través dunha conversa errática, apaixonada e chea de humor. Desorde, spoilers, caos, sentido lúdico e inesperadas referencias a Pontevedra definen un formato que converte ao universo de Carrie, Miranda, Charlotte e Samantha nun punto de partida para a análise cultural e o comentario libre de prexuízos.

Juan Evaristo Valls

O sábado 18 de abril ás 18.30 horas, o festival achegará I’ll see you in my dreams. Twin Peaks mediante unha charla en directo entre Estela Ortiz e Juan Evaristo Valls Boix que nace do podcast Club de Serias, de Radio Primavera Sound, un espazo de análise cultural sobre as series icónicas de hoxe e de sempre. Ambos afondarán na pegada de Twin Peaks desde unha lectura contemporánea e compartida en directo co público.
Estas dúas novas citas súmanse aos primeiros contidos xa anunciados para a 13ª edición do Carballo Interplay. Entre eles figuran Rajando con... Bimboficadas, o espectáculo en directo de Samantha Hudson e María Barrier previsto para o venres 17 de abril ás 22 horas no Mercado de Carballo, e tamén Pop y Muerte, o podcast conducido por Kiko Amat e Benja Villegas, que poderá escoitarse en directo o sábado 18 ás 22.30 horas no mesmo espazo.
Para rematar, dicir que o Carballo Interplay está organizado polo Concello de Carballo e Turismo de Carballo con produción e dirección de Cósmica. Conta co apoio da Xunta de Galicia, a través de AGADIC, e da Deputación da Coruña.