O Centro de Emprendemento de Vedra (A Estación) asesorou xa a 30 emprendedores e empresas

mércores, 20 de marzo do 2024 S. P.

O Concello de Vedra fixo balance da actividade xerada polo Centro de Emprendemento A Estación, localizado na antiga terminal ferroviaria de Santa Cruz de Ribadulla e posto en marcha en 2021 para avanzar en dinamización e innovación empresarial, e tamén en emprego e emprendemento. A longo da súa andaina xa mobilizou asesoramento para unha trintena de proxectos innovadores.
O centro, que forma parte da Rede Provincial de Espazos de Traballo da Deputación Provincial da Coruña (enmarcada no Plan PEL) é un espazo multifuncional que alberga unha zona de traballo para proxectos e conta cunha aula formativa con capacidade para 20 prazas, un vagón reconvertido e habilitado como espazo de coworking e para xuntanzas de traballo, así como unha nave multiusos a disposición da sociedade vedresa e de proxectos emprendedores e profesionais.
O centro de emprendemento concíbese como “un espazo aberto, dinámico, colaborativo, pensado dende o rural, pero cunha proxección global”. Así, en A Estación acóllense proxectos de Vedra e comarca, pero tamén doutras localidades galegas.
Acubilla tamén un programa de incubación dirixido a proxectos emprendedores, e un de aceleración para empresas de recente creación ou para aquelas xa existentes que desexan poñer en marcha novas liñas de negocio.
Aparte do asesoramento lévanse a cabo outros labores, como mesas sectoriais para identificar retos e posíbeis accións para o impulso dos sectores estratéxicos municipais, formación especialmente enfocada nas competencias transversais ou proxectos que buscan inculcar o espírito emprendedor entre grupos escolares e mocidade.
Ao longo destes máis de 2 anos o centro asesorou a máis de 30 persoas emprendedoras e empresas. Actualmente contan con 14 coworkers cos seus respectivos proxectos, pertencentes a sectores de actividade diversos como cultura, produción audiovisual, novas tecnoloxías, ecoloxía, acción social, eventos ou artesanía.
Respecto á artesanía vense de incorporar Creativas Galegas, entidade de economía social e marca paraugas que reúne, acolle, impulsa e dá visibilidade a máis de 340 profesionais e pequenos selos do eido cultural galego, tales como profesionais e marcas, persoas artesás ou profesionais das artes escénicas, a maioría deles do concello de Vedra.

PUBLICIDADE