O CiTIUS achéganos aos retos e posíbeis límites da intelixencia artificial

luns, 9 de xullo do 2018 Fernando Sarasketa

A Intelixencia Artificial é un dos ámbitos de investigación que máis marcará o noso desenvolvemento futuro. Porén, que haxa sistemas con capacidade de aprendizaxe e resolución que sexan quen de tomar solucións e decisións en múltiples escenarios, sendo elementos cada vez máis activos en sectores críticos, abre unha manchea de preguntas que até o menos familiarizado de nós con estes ámbitos ten por forza que facerse. Por exemplo: até onde vai chegar esa capacidade de decisión e xestión? Que papel xogaremos nós os humanos nesta presenza crecente das tecnoloxías intelixentes e dos algoritmos na saúde, na publicidade, nas finanzas, na industria ou na Rede? Para dar resposta a estas e outras preguntas, o CiTIUS organiza unha xornada este martes 10.
O encontro de divulgación, que será aberto ao público, desenvolverase baixo o seguinte epígrafe: O futuro da Intelixencia Artificial, a debate. Segundo informa o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información da USC (CiTIUS), abordaranse “os límites, desafíos e complexidades que expón o crecente protagonismo da intelixencia artificial no tecido socioeconómico, para fomentar a reflexión e o debate entre os participantes”.
Segundo engade o centro compostelán achegándonos aos porqués do encontro, “a capacidade das máquinas para resolver problemas da súa contorna de forma razoada e autónoma, imitando o comportamento dos seres humanos, abre un necesario debate sobre o marco legal apropiado para o seu desenvolvemento e funcionamento, así como os seus límites tecnolóxicos e éticos”.
Neste encontro da USC coincidirán especialistas de universidades, empresas e outras institucións para discutir sobre o impacto e os límites da Intelixencia Artificial. Os debates terán lugar no salón de actos do CiTIUS ao redor de dúas mesas redondas: tras unha sesión de mañá con representantes do sector empresarial, que porán o foco nas aplicacións industriais, a quenda de tarde reunirá a científicos expertos na materia. A entrada será como dixemos de balde , con capacidade limitada.
Entre outros, participará no evento Enric Trillas, presidente honorífico do European Centre for Soft Computing.

PUBLICIDADE