O CiTIUS traerá a Santiago o congreso de IA máis relevante de Europa

martes, 4 de xuño do 2019 Fernando Sarasketa

Senén Barro, director científico do CiTIUS e presidente do Comité Organizador de ECAI2020; Jéròme Lang, presidente da conferencia; Giuseppe De Giacomo, presidente do programa, e Paulo Félix, director adxunto do CiTIUS

O CiTIUS da Universidade de Santiago segue na súa liña ascendente (e excelente) consolidada este mes de maio coa presentación do seu novo nome (CiTIUS ou Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes, no canto de Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información da USC) e coa posta en marcha oficial da súa estratexia de investigación especializada (un ambicioso plan para situalo na vangarda de España e Europa en Intelixencia Artificial). Seguindo este fío, o CiTIUS vai celebrar o ano vindeiro o que sería o congreso sobre máquinas intelixentes máis importante de Europa. Estamos a falar do congreso ECAI 2020, que se desenvolve na sede do centro entre o 8 e o 12 de xuño de 2020.
Participarán no evento, en palabras da Universidade de Santiago “un acontecemento extraordinario de interese económico e social”, científicos de todo o mundo e empresas do ámbito da Intelixencia Artificial. A cita vén da man do propio CiTIUS e está a ser promovido pola EurAI (Asociación Europea para a Intelixencia Artificial - European Association for Artificial Intelligence), coa colaboración da AEPIA.
O comité organizador do congreso, presidido por Senén Barro, director científico do CiTIUS, agarda unha participación próxima aos 1.000 asistentes. O ECAI2020, sinalan, “será un punto de encontro no que a investigación, a innovación e o emprendemento ao máis alto nivel mundial porán en común os últimos avances científico-técnicos na Intelixencia Artificial, coñecida como a electricidade do século XXI”. En palabras de Senén Barro, Santiago de Compostela converterase neses días na capital mundial do dito ámbito de investigación.
As visitas internacionais deron comezo xa, estes días, cun encontro no CiTIUS que trae a Santiago aos científicos Giuseppe De Giacomo (Sapienza Università Di Roma), responsábel de programa de ECAI2020, e Jérôme Lang (Université Paris-Dauphine), presidente da conferencia. O profesor Giuseppe De Giacomo ofrecerá este martes 4 ás 12:00 unha conferencia sobre o seu proxecto Advanced Grant, recentemente concedido polo Consello Europeo de Investigación (European Research Council – ERC).

PUBLICIDADE