O Clúster Audiovisual Galego avaliará en Lugo, Santiago e Pontevedra as vantaxes do dixital no sector

luns, 13 de novembro do 2006 Fernando Sarasketa

O Foro Multiplataforma: a converxencia das producións dixitais vai manter especialmente activa até fin de ano en Galiza a reflexión arredor dun tema que toca de preto a tódalas persoas que traballan hoxe en día nos eidos audiovisual e/ou tecnolóxico: a revolución dixital. Esta cuestión, cinguida ás posibilidades de negocio que vai traer consigo, é o eixo do devandito Foro, que está organizado o Clúster Audiovisual Galego coa colaboración da Consellería de Innovación e Caixa Galicia. Os encontros estanse a desenvolver en catro eidos de debate e no mesmo número de cidades galegas: Ourense a partir do 9 de novembro, Lugo o 20 de novembro, Santiago o 4 de decembro e Pontevedra o 11 de decembro.
O obxectivo do Foro é –como dixemos– o seguinte: contribuír a dar resposta ó desafío que as novas tecnoloxías constitúen para a industria audiovisual galega, achegando máis oportunidades de difusión e menores custos de produción e distribución.
A primeira sesión tivo lugar xa en Ourense, cunha xornada monográfica chamada Clusternet: contidos audiovisuais para a Rede. A seguinte actividade vaise celebrar en Lugo, o día 20, cunha sesión sobre Clustervision TDT: contidos para a TDT, na que se reunirán directivos de cadeas de contidos dixitais que operan en España (como Telecinco, Veo TV ou Net Tv) e de televisións e proxectos galegos. O obxectivo desta xuntanza é avaliar o “forte impacto que está a ter o desenvolvemento da TDT na produción de contidos”.
A reunión de Santiago celebrarase o 4 de decembro, e titúlase ClusterTel: Servizos para móbiles. Terá carácter monográfico e servirá para diagnosticar as tendencias no sector das telecomunicacións para o desenvolvemento de novos servizos ofrecidos a través do teléfono móbil.
Nesta sesión participarán especialistas de compañías operadoras (Movistar e Vodafone), de empresas subministradoras de servizos (Asociación de Empresas de Servizos a Móbiles, AESAM, e a Asociación Española de Comunicacións Móbiles, AECOMO), das administracións e das empresas que demandan estes servizos.
A xuntanza de Pontevedra (que se desenvolve o 11 de decembro) tratará a cuestión Clusterplay: lecer interactivo e estará dedicada a explorar as vantaxes das novas tecnoloxías aplicadas ó emprego do tempo libre. Está prevista a participación de directivos de EGANET ou da Asociación Española de Distribuidores e Editores de Software de Entretemento (ADESE).

PUBLICIDADE