O Clúster TIC Galicia e o CITIC organizan un encontro para dar impulso a grandes proxectos

venres, 12 de febreiro do 2016 Redacción

O vindeiro xoves 18 de febreiro ás 12:00 horas desenvolverase nas dependencias do Centro de Investigación TIC da Coruña (CITIC) unha xornada organizada de maneira conxunta polo Clúster TIC Galicia e o propio CITIC que contará coa participación de membros do Padroado deste centro tecnolóxico e a presenza do reitor da UDC, Julio Abalde, que será o encargado de abrir o evento. Nel, os representantes de ámbalas entidades compartirán co público asistente propostas e proxectos para impulsar en datas próximas “as súas principais liñas de investigación”. Segundo nos contan dende o CITIC, na cita avaliaranse vieiros de colaboración existentes (vieiros para a xeración de grandes proxectos de investigación e innovación, como o Programa Retos-Colaboración do MINECO) e a viabilidade de outros aínda por formalizar.
Por certo que o obxectivo principal do Programa Retos-Colaboración é o de apoiar proxectos en cooperación entre empresas e organismos de investigación, con vistas a promover o desenvolvemento de novas tecnoloxías, a aplicación empresarial de novas ideas e técnicas e contribuír á creación de novos produtos e servizos. “Todo iso”, engade o CITIC, “dentro das temáticas cualificadas como retos sociais, entre as que se inclúe a de Economía e Sociedade Dixital. Lembrar que estes impulsos a proxectos de cooperación concédense con feitura de préstamos (e de maneira excepcional como a axudas a fondo perdido). Estes poden acadar até o 95% dos conceptos financiábeis, os cales están limitados a un máximo de 15 millóns de euros por empresa. Os proxectos prioritarios son aqueles que comecen este ano e rematen entre o 31 de decembro de 2017 e o 31 de decembro de 2019, como máximo. Lembrar que as persoas interesadas en asistir á xornada deberán confirmar a súa asistencia antes do martes 16 de febreiro.

PUBLICIDADE