O Concello de Boiro desenvolve unha nova edición do campamento tecnolóxico Microcamp

luns, 17 de xuño do 2024 S. P.

O Concello de Boiro organiza unha nova edición do Microcamp Boiro 2024, un servizo de lecer estival e formación dirixido a nenos e nenas de entre 8 e 11 anos co obxectivo de achegar a este grupo de idade actividades coa tecnoloxía que fomenten un bo uso das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) de “xeito lúdico, formativo e integrador”.
Este campamento tecnolóxico desenvolverase os días 2, 3, 4, 5, 9, 10, 11 e 12 de xullo de 2024 no Centro Social de Boiro entre as 10.00 e as 13.00 horas. As diferentes actividades englobadas no Microcamp estarán baseadas en técnicas de participación activa nas que os rapaces e rapazas sexan os protagonistas do seu propio aprendizaxe, segundo informou o Concello de Boiro, engadindo que ademais dos obxectivos de achegar o coñecemento STEM (siglas de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática) de xeito lúdico, facilitar o coñecemento de diferentes ferramentas tecnolóxicas e promover o bo uso das TIC con actividades enfocadas e adaptadas ás diferentes idades dos participantes, “fomentaranse valores como o autodescubrimento, a creatividade, a solidariedade e terá un enfoque transversal de non discriminación, inclusión e igualdade”.
As prazas son limitadas e as inscricións están abertas dende hoxe, 17 de xuño, e ata o 19 de xuño. As inscricións deberán facerse mediante o Rexistro Xeral ou sede electrónica do Concello de Boiro. As bases do campamento e toda a información está dispoñíbel na web municipal.

PUBLICIDADE